EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra aproba o seu orzamento, de 255 mil €, nun pleno en Manzaneda

Tamén se aprobaron os pregos para a contratación, por procedemento aberto, dun Plan de formación e boas prácticas, apoio a proxectos innovadores e recoñecemento de accións turísticas sostibles

 

O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra vén de aprobar os orzamentos para o exercicio 2024 nun pleno celebrado esta mañá no Concello de Manzaneda. O orzamento ascende a 255.000 euros cunha incorporación de remanentes de un 1.321.816,71 euros, correspondentes fundamentalmente ao primeiro dos Plan de Sostibilidade Turística. “Quedaría pendente de incorporar o importe do segundo Plan de Sostibilidade (2.000.000 €) que se asinará nas vindeiras semanas e o proxecto MOVES SINGULARES II se finalmente se consigue completar o orzamento para a súa execución”, tal e como explican dende o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.

Nesta mesma sesión, tamén se aprobaron os pregos para a contratación, por procedemento aberto, dun Plan de formación e boas prácticas, apoio a proxectos innovadores e recoñecemento de accións turísticas sostibles por importe de 30.000 euros. Esta acción enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística 2020-2025.

Os servizos a contratar teñen por obxecto identificar as necesidades de formación do xeodestino, asesorar en materia de formación, deseñar accións formativas e de boas prácticas, promover xornadas de sensibilización, poñer en marcha un plan de formación específico para o xeodestino, ademais de deseñar unha liña de apoio a proxectos innovadores e de confeccionar as bases para unha convocatoria de premios a proxectos turísticos sostibles.

De acordo ao documento técnico do Plan de Sostibilidade Turística, entre os obxectivos para alcanzar coa execución do presente contrato figuran os seguintes:

– Proporcionar ao sector as ferramentas necesarias para ofrecer un servizo de calidade e acorde ás medidas de seguridade e hixiene vixentes en cada momento.

– Xerar oportunidades de emprego, que contribúan a atraer e fixar poboación no territorio, garantindo a conservación da paisaxe, así como de usos e tradicións.

– Sensibilizar á poboación local sobre a importancia do Valor Universal Extraordinario de Ribeira Sacra e sobre as oportunidades do turismo sostible para o territorio.

Este servizo comezará por unha diagnose da oferta formativa existente para o sector turístico que permita cubrir áreas que os profesionais consideran necesarias e para as que non exsite oferta.

Inclúese tamén unha importante bolsa de horas de titorías para atender necesidades concretas e individualizadas. E coa premisa de coordinar as dinámicas cos Polos de Emprendemento, GDR, e calquera entidade que promova accións formativas vencelladas ao sector.

 

 

O presidente do Consorcio e alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián propuxo celebrar esta sesión en Manzaneda por dous motivos. Seguir coñecendo os concellos que se integraron hai xa un ano e apoiar e dar visibilidade á Capitalidade Española da Montaña que ostentan durante este 2024 os concellos da Pobra de Trives, Chandrexa de Queixa, San Xoán de Río e Manzaneda. “É a primeira vez que recae este distintivo en Galicia e en catro concellos (antes nomeábase un único concello por ano). Ponse en valor así o compromiso e interese pola preservación ambiental, así como pola loita contra o despoboamento rural con apostas no campo do turismo e actividades ao aire libre”, engadía Fernández Guitián.

O presidente engadía do Consorcio engadía así mesmo que “este ano temos outro motivo de celebración moi sinalado para o territorio: no mes de agosto 900 anos do escrito fundacional do mosteiro no que se recolle por primeira vez o termo “Rivoira Sacrata”. En coordinación co Concellos, Deputación Provincial e Xunta de Galicia, promoveremos algunhas actividades con motivo dese aniversario.”

 

Back to top button