EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O CRDO Ribeiro mobiliza un operativo de 27 inspectores para esta vendima

“Con estas accións, ademais de desenvolver as funcións que lle son propias a esta entidade, queremos reforzar a seguridade e confianza cara aos consumidores do noso produto”, di o presidente da DO

Cedida.

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Ribeiro ten preparado un equipo de 27 inspectores que velarán polo cumprimento das normas vixentes durante a vendima 2022 na enocomarca ribeirá. “Este operativo, que supón un incremento de efectivos respecto aos anos anteriores, participou en días pasados nun programa completo de formación cunha duración de 40 horas e impartido por profesionais cualificados en cada materia, tal e como se leva facendo nos últimos catro anos”, tal e como informa o consello regulador.

O devandito programa formativo está dirixido a reforzar o recoñecemento e identificación das variedades de uva da Denominación de Orixe Ribeiro, así como todos os aspectos tanto morfolóxicos, agronómicos cono enolóxicos das mesmas. Asemade reforzouse o coñecemento de toda a maquinaria presente en adegas incluíndo a visita presencial a viñedos e instalacións. Para a implementación deste curso, contouse coa colaboración tanto da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), centro dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), coma do Oficina Agraria Comarcal de Ribadavia.

Todo este operativo de vendima desprégase en virtude das competencias que ostenta o Consello Regulador da D.O.P. Ribeiro xa que este organismo é o máximo responsable no control e verificación da uva que entra nas adegas oficialmente inscritas no seu rexistro. Por esta razón este operativo está creado para garantir a orixe e a calidade nos produtos da D.O. Ribeiro ao tempo que busca transmitir toda a seguridade e confianza ao público que consumirá nun futuro as nosas elaboracións.

Inspeccións prevendima

Asemade dende mediados do mes de xullo, como vén acontecendo nos últimos tres anos, leváronse a cabo unhas duascentas inspeccións prevendima nas fincas de viticultores da D.O. Estas accións serven para valorar o estado actual dos viñedos, así como facer unha aproximación dos rendemento das distintas variedades amparadas polo pliego de condicións que rexe no Consello Regulador. O operativo despregado, que contou con inspectores con experiencia nas mesmas funcións en campañas anteriores, servíu para dispoñer de datos o máis aproximados posible da colleita vindeira, así como para revisar e actualizar as variedades de uva rexistradas no Consello Regulador.

Neste sentido Juan M. Casares, presidente do Consello Regulador, apunta que “durante os últimos catro anos leváronse a cabo unhas de 600 inspeccións de viñedo previas á vendima, o que permite mellorar a actualización permanente do rexistro vitícola, ter ao día todos os datos dos viticultores, as súas fincas e variedades de uva así como facer controis do estado sanitario das variedades e unha estimación dos rendementos das mesmas.”

Segundo o presidente da D.O. Ribeiro, “máis alá dos operativos propios da vendima, todas as medidas implentadas dende hai tres anos, como a inspección de viñedos antes da vendima ou a actualización do noso rexistro vitícola, fanse con base nas competencias que ostentan os Consellos Reguladores, por delegación expresa da Consellaría do Medio Rural, co obxectivo de garantir a orixe e a calidade dos produtos que amparan. Asemade estas medidas teñen conseguido nos anos anteriores protexer aos nosos viticultores, avanzar na consecución de prezos máis xustos pola uva producida e transmitir cada día máis seguridade ao consumidor de Ribeiro.”

Artigos relacionados

Back to top button