O C.R.D.O. Ribeiro recibía nesta fin de semana ao xornalista especializado do portal Vinous.com Joaquín Hidalgo, que visitaba por primeira vez territorio galego para coñecer de primeira man os seus viños, variedades de uva, adegas e xentes. O novo catador de viños españois para a publicación Vinous penetrouse esta fin de semana na Denominación de Orixe máis antiga de Galicia, iniciando o seu percorrido cunha completa cata de 44 viños na sede do Consello Regulador, formada por 37 brancos e sete tintos, todos eles de diferentes colleitas, desde 2020 ata 2023, e elaboracións, para seguir visitando durante tres intensas xornadas diversos proxectos e viñedos, desde pequenos colleiteiros ata adegas medianas e grandes.
Deste xeito empapábase de toda a súa savoir faire para poder valorar e, a posteriori, divulgar as principais características desta rexión, que non se podía perder na súa primeira visita profesional a Galicia. Joaquín Hidalgo, xornalista e enólogo arxentino, escribe de viños e gastronomía desde hai máis de 20 anos en diversos xornais e outras publicacións especializadas. Foi seleccionado o ano pasado para suceder en Vinous.com ao crítico Josh Raynolds como catador dos viños españois para a publicación. Os seus principais propósitos na súa nova andaina, tras un gran traballo de divulgación dos viños de Arxentina e Chile, é o de achegar profundidade de coñecemento do viño español, profundar en todos os territorios vinícolas de España e coñecer a maior cantidade de variedades de uva autóctonas do país, así como os viños elaborados con elas e as adegas e proxectos que se están desenvolvendo.
Vinous.com é unha publicación independente sobre viños fincada en Estados Unidos. A revista conta cun gran equipo de críticos e escritores de renome, recoñecidos a nivel internacional. Estes expertos publican anualmente preto de 30.000 recensións de viños e ofrecen unha cobertura profunda de novos lanzamentos, retrospectivas, catas verticais, visitas a produtores, mapas interactivos, recomendacións de restaurantes, entre outras cousas, todo publicado nun fluxo continuo e diario de artigos. Vinous conta con máis de 1,5 millóns de subscritores vía e-mail en máis de 100 países e é un dos medios sobre viños máis respectados a nivel internacional.
A presidenta do C.R.D.O. Ribeiro, Concha Iglesias, puido conversar co experto catador durante a súa visita ao Consello Regulador o pasado venres e comenta “estas visitas de recoñecidos prescritores como Joaquín Hidalgo, coa intención descubrir a nosa rexión e as súas adegas confirman o gran interese que suscitan os nosos viños a nivel internacional. E o seu reporte tras a viaxe fará que se amplifique o coñecemento sobre o noso histórico territorio, as súas variedades de uva e adegas por todo o mundo.”

