DeportesPiraguismoÚltima hora

O Descenso do Sil, entre as 3 regatas internacionais de piragüismo deste ano na provincia

Ademais O Barco acollerá novamente o nacional de augas bravas e A Rúa unha competició provincial

 

Imaxe do Descenso do Sil. Foto: Carlos G. Hervella

 

A Real Federación Española de Piragüismo vén de aprobar en asemblea en Madrid na pasada fin de semana o calendario nacional de competicións e as sedes das mesmas, a partir do cal a federación galega puido confeccionar o seu propio calendario coas competicións galegas e provinciais. Neste senso, a provincia de Ourense acollerá nesta tempada importantes eventos deportivo de ámbito internacional, nacional, galego e provincial.

Tres serán os descensos de ríos que, tras realizar as xestións oportunas, conseguiuse que este ano figuren no circuíto de regatas da federación internacional de piragüismo (ICF), así constan como regatas internacionais a disputar este ano na provincia de Ourense: o Descenso Internacional do Miño no mes de xuño, o Descenso Internacional Ourense Termal no mes de agosto e o Descenso Internacional do Sil no mes de setembro.

“Estas competicións propiciarán que piragüistas de moitos países, que fan este circuíto internacional, veñan practicar este deporte por terras ourensás, ademais de constituír un aliciente que atraerá a máis deportistas nacionais”, segundo indica a delegación provincial da Federación Galega de Piragüismo.

Ademais Ourense acollerá en maio dous campionatos nacionais, o primeiro deles no Barco de Valdeorras, o campionato de España de descenso de augas bravas e o outro en Muíños, o campionato de España de medio maratón. Así mesmo estas competicións adoitan servir de selectivo á hora de formar o equipo nacional que represente a España nos europeos e mundiais de cada modalidade.

Competicións galegas

Catro campionatos galegos e unha regata de infantís, van disputar na provincia de Ourense no primeiro terzo do ano, de tal forma que Ourense será ata o mes de abril o epicentro do piragüismo galego e onde dará comezo no mes de febreiro a tempada 2022 de augas tranquilas.

Campionato Galego de inverno no mes de Febreiro en Castrelo de Miño.
Campionato galego novos promesas no mes de marzo en Muíños.
Campionato galego de inverno barcos de equipo no mes de marzo en Cenlle.
Campionato galego novos promesas barcos de equipo no mes de abril en Muiños
Primeira regata de infantís no mes de abril en Arnoia.

Competicións provinciais, entre elas unha na Rúa

Nos meses de xullo, agosto e setembro levará a cabo a liga provincial-Copa Deputación de Ourense 2022, con 6 regatas que se disputarán nos concellos de Muiños, Castrelo de Miño, Viana do Bolo, Allariz, A Rua e Coles.

Concentracións de deportistas

No mes de abril, e dirixidos polos técnicos da federación galega de piragüismo, vanse concentrar no complexo deportivo O Corgo de Muíños, os mellores deportistas ourensáns de idades comprendidas entre os 13 e 16 anos, previamente seleccionados pola dirección técnica galega en función dos seus resultados deportivos.

Para poder traer todas estas competicións á provincia de Ourense, a Federación Galega de Piragüismo e a súa delegación en Ourense levan traballando desde o mes de abril de 2021, conxuntamente cos Concellos implicados, Deputación de Ourense e clubs de piragüismo da provincia de forma continua.

“Este calendario de competicións supón levar este deporte a case unha ducia de Concellos da provincia, con todo o retorno e impulso económico que iso supón para as distintas Corporacións municipais, principalmente do rural ourensán, e unha forma efectiva de atraer visitantes nacionais e doutros países para dar a coñecer a nosa provincia”, aseguran dende a delegación ourensá da FGP.

Artigos relacionados

Back to top button