En portadaÚltima hora

“O Distrito Sanitario de Valdeorras merece un respecto e solucións claras, non promesas na prensa”

Así o aseguraba a Xunta de Persoal do Hospital de Valdeorras ao retomar este xoves as concentracións por "unha sanidade digna"

 

Neste 21 de abril veñen de retomarse ás concentracións os xoves ás 12h. diante do Hospital Público de Valdeorras convocadas pola Xunta de Persoal deste centro para reclamar unha “sanidade digna” para o Distrito Sanitario das comarcas de Valdeorras, Terras de Trives e Viana do Bolo.

“Como diciamos ao rematar o 28 de novembro a manifestación, tiñamos a sospeita de que desgrazadamente nos volveríamos ver na rúa, pois como vedes volvemos. E estamos entregando un folleto no que remarcamos as condicións precarias que agora mesmo ten o HPV, que son exactamente as mesmas do outono do ano pasado. Entre elas está o feito de ue faltan 22 prazas de facultativos sen cubrir no HPV: 1 cardiólogo, 1 urólogo, 1 médico de admisión, 1 médico de medicina do traballo, 1 dermatólogo, 2 rehabilitadores, 5 especialistas en medicina interna, 2 cirurxiáns, 2 traumatólogos, 1 anestesista, 2 radiólogos, 1 hematólogo e 2 xinecólogos”, dicía o presidente da Xunta de Persoal do hospital valdeorrés, Víctor Pariente, no inicio da concentración.

Pariente tamén incidía en que isto “reflexa a actuación do Sergas e dos seus responsables, tanto en Ourense como na consellería como no distrito, non hai ningún interese en contratar e traer xente para que axilice as listas de agarda e para que asista como merece á poboación do Distrito Sanitario de Valdeorras. É máis, a única solución despois de case 6 meses é tratar de contratar a 10 facultativos, tratar, nin sequera traer, que é a metade dos que fan falta. Esta é a única solución que dan e consideramos que é un insulto máis á poboación deste distrito”.

 

Dípticos que se repartían na concentración desta mañá.

 

Así mesmo Víctor Pariente aseguraba que “as promesas que fixeron no mes de novembro, de decembro e de xaneiro de traer material non están cumpridas. Ese material está única e exclusivamente nalgúns casos licitado, pero non hai nada no Hospital do comprometido”. E mesmo apuntaba o presidente da Xunta de Persoal que “están a comprar material a nome do HPV para que despois levalo para Ourense, isto non se pode consentir”. E finalmente aludía á situación da Atención Primaria, un punto no que afondaba outro dos membros da Xunta de Persoal do HPV, Suso Vilasánchez.

Atención Primaria

“Remataron co Hospital Público de Valdeorras e agora van pola Atención primaria, e van pouquiño a pouco e con disimulo. Cada vez que un médico dun consultorio periférico desta zona se vaia, ese consultorio se pecha”, dicía Vilasánchez en referencia tamén a unha moción sobre Atención Primaria que o PP está  a presentar nos concellos da zona.

“Na parte de exposición de motivos as mocións fan referencia a un documento estratéxico e de xestión que se chama “Por unha Atención Primaria vertebradora do sistema de saúde”. Nese documento explícase clarisimamente que queren pechar os consultorios de sitios tales como Larouco, Vilariño de Conso e San Xoán de Río porque vén especificado que eses consultorios non se poden soster e son de baixa intensidade. Se se le detidamente ese documento, por multitude de sitios vén especificada a necesidade de reducir eses consultorios entón eu quero que publicamente lle digan aos alcaldes deses municipios se lles parece ben que lle pechen o seu consultorio e ademais tamén din que hai que pechar os PACs rurais con baixa actividade e incluso están a valorar que vaia o pediatra aos centros rurais, podémoslle tamén contar á xente se lle parece ben quedar sen pediatría por aí”, sinalaba Suso Vilasánchez.

O Distrito Sanitario de Valdeorras “merece un respecto e merece solucións claras, non promesas na prensa. Ante esta situación, seguiremos concentrándonos todos os xoves”, engadía Víctor Pariente ao remate da concentración deste 21 de abril.

Nesta concentración asistían, ademais de persoal sanitario e veciños, representantes como a deputada do BNG no Parlamento galego María Albert e o alcalde do Barco, ademais de concelleiros de varios municipios de Valdeorras.

Fotos: O SIL.

Artigos relacionados

Back to top button