O documental “Gloria Rodríguez. Cara ao exilio”, dirixido por Rosa Ferreiro e producido polo valdeorrés Domingo D. Docampo (SocialDocs), proxectarase na cidade da Coruña o vindeiro martes 27 de xuño ás 19.30h no salón de actos Fundación Once A Coruña (rúa Cantón grande, 3). Este traballo ofrece unha mirada en primeira persoa ao exilio republicano español en México.
O documental, fianciado pola Deputación da Coruña, conta a historia de Gloria Rodríguez que con 10 anos viuse obrigada a abandonar a súa Málaga natal, ao comezo da Guerra Civil Española, debido á actividade política do seu pai. “Gloria Rodríguez. Cara ao exilio” é un documento moi emotivo sobre as vivencias da protagonista, que xunto á súa familia, foxe a través de Francia para chegar a México. Gloria viaxou, xunto a outros exiliados republicanos, no buque Ipanema, que chegou a Veracruz en xullo de 1939. Xa en México a familia loitaba para abrirse paso no país de adopción.
A estrea do documental pretende ser un recoñecemento ao labor do exilio republicano en México e unha reflexión e recordatorio da importancia daqueles que loitaron contra a opresión e pola liberdade.
Ao finalizar a proxección terá lugar unha mesa redonda con Pilar Cagiao Vila, profesora titular de Historia de América na USC e co escritor e membro dá Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos.
A mesa redonda moderada por Emilio Vega da Fundación Florencio Delgado Gurriarán leva por título: Exilio mexicano, exilio político e cultural. Integración e sociabilidade.
A entrada é libre ata completar aforo.