OurenseÚltima hora

O Eixo Atlántico segue a crecer coa incorporación de tres novas ciudades

Coa recente adhesión de Esposende, Felgueiras e Vila do Conde, a entidade pasa a ser constituída por 39 concellos e dúas deputacións o que, segundo o secretario xeral, avala a fortaleza da entidade nun momento clave para a resiliencia das cidades

 

A XXXI Asemblea Xeral do Eixo Atlántico celebrouse en Lugo onde se aprobou un orzamento de máis de 4 millóns e medios de euros. A creación das Comisións Políticas derivadas do debate da Conferencia de Alcaldes, celebrada en Pontevedra en 2020 para analizar os impactos da pandemia, xerou en 2022 os seus primeiros resultados.

A Comisión Política de Economía impulsou o primeiro Informe Socioeconómico do Eixo Atlántico dirixido polo codirector do Informe Socioeconómico de Galicia, Fernando González Laxe, e que será actualizado cada ano. A Comisión Política de Innovación Social culminou o primeiro Mapa de Cohesión Social dun sistema urbano transfronteirizo, así como a primeira axenda de medidas para combater a crise demográfica e fixar poboación interior.

Pola súa parte, a Comisión Política de Sustentabilidade Urbana impulsou a finalización do Plan de Sustentabilidade Urbana no inicio da primeira fase do Plan de Descarbonización   das cidades do Eixo Atlántico.

O segundo gran eixo foi a internacionalización do Eixo Atlántico coa última fase do proxecto de Fronteira da Paz na fronteira de Brasil con Uruguai, o que supuxo a realización da primeira Axenda Urbana Transfronteiriza do Mercosur, elaborada por expertos galegos e portugueses, e a creación do primeiro Gabinete Binacional Transfronteirizo do Mercosur.

No terceiro eixo seguiron desenvolvendo as actuacións de máis implicación cidadán no ámbito do deporte, a cultura, a educación e o turismo coa organización da Mostra Musical de Mozos Intérpretes e a Feira de Expocidades, ambos eventos en Ferrol, a Bienal de Pintura, que este ano incorporou, coma novidade, o poder visitala virtualmente, e os Xogos do Eixo Atlántico, celebrados en Maia con máis de 2.300 participantes, a maior cifra ata a data en 14 edicións. Outra das accións con máis  éxito no ámbito cultural e da educación foi a publicación do Cómic da Historia de la Eurorrexión.

 

 

Por último, pero non menos importante, no relativo ás infraestruturas, continuou a presión a ambos gobernos no referente á liña Ferrol – Coruña – Lisboa. Neste ámbito, a boa noticia foi o compromiso indudable do goberno Portugués e, que finalmente, conseguise que o goberno de España licitara a Saída Sur de Vigo (un dos dous tramos pendentes na fronteira portuguesa que levaba máis dunha década paralizado).

Actualmente continúase traballando na xestión da liña norte Ferrol- Coruña / Lugo-Monforte, tanto no relativo á variante Rubián como á súa inclusión, xa comprometida do Goberno de España, no Corredor Europeo do Atlántico.

Obxectivos 2023

Entre os eixos principais destaca a idea de reforzar o coñecemento para o desenvolvemento onda unha das novidades será a elaboración dun informe de Economía Social e un sistema de innovación transformador.

A presidenta do Eixo Atlántico, Lara Méndez, sinalou que “o ano 2023 será un ano de continuidade dos programas xa iniciados, poñendo o acento especialmente en tres ideas: reforzar o coñecemento para o desenvolvemento, que estamos xa a articular a través das distintas comisións políticas; continuar co impulso da sustentabilidade na loita contra o cambio climático, para o que traballamos desde a Axencia de Ecoloxía Urbana coa implantación do Pacto Verde europeo, o Novo Bauhaus ou as medidas enerxéticas que a Comisión Europea está poñendo en marcha e, finalmente, a través do programa “Unha Eurorrexión dos cidadáns, polos cidadáns e para os cidadáns”, no que se levarán a cabo accións relacionadas coa política social, o deporte e a cultura.

Méndez avanzou, igualmente, que durante este exercicio a entidade prepara as candidaturas do Eixo ás convocatorias de fondos europeos nas liñas antes definidas e seguirá informando sobre os novos programas financeiros da UE, mantendo unha canle permanente de comunicación con Bruxelas.

“Trátase de que o Eixo Atlántico siga crecendo en proxectos, e sempre cunha visión clara de futuro para que os concellos e as deputacións que integramos a eurorrexión dispoñamos de ferramentas de traballo analíticas e realmente útiles ante os retos que se aveciñan, sempre – engadiu – cos obxectivos de ser máis competitivos para acadar un maior desenvolvemento económico dos nosos territorios, lograr unha sociedade máis xusta e equitativa, con menos desigualdades sociais e impulsar as transformacións urbanas para mellorar a calidade de vida da cidadanía, sendo proactivos na loita contra o cambio climático, sabedores de que as accións de hoxe serán a garantía de futuro para as xeracións do mañá”, concluíu a tamén alcaldesa lucense.

Continúa o lobby no ámbito das infraestruturas onde os aspectos novos son o acceso a Santa Maria da Feira na nova liña Lisboa – Porto, a mellora da liña do Douro, a nova estrada Bragança – Otero de Sanabria para o acceso do AVE, a finalización da autopista Lugo-Santiago e a construción da autovía A-76 (Ponferrada – O Barco de Valdeorras-Monforte) e o seu enlace coa de Lugo – Ourense.

Outro dos obxectivos é o impulso á sustentabilidade urbana e á loita contra o cambio climático no contexto do desenvolvemento económico conxunto e a aplicación do programa “Unha Eurorrexión dos cidadáns, polos cidadáns e para os cidadáns” no que se desenvolven accións relacionadas coa política social, o deporte e a cultura.

Minuto de Silencio pola guerra en Ucraína

Cando se cumprían as 12 do medio día, a Asemblea Xeral Do Eixo Atlántico mantivo un minuto de silencio polas vítimas da guerra en Ucraína, conflito que hoxe cumpre un ano de duración.

Valoracións

Para o vicepresidente do Eixo Atlántico, alcalde de Braga, Ricardo Rio, “esta asemblea acabou por reforzar os éxitos da xestión da presidenta, Lara Méndez. Quero destacar varios elementos que me parecen importantes: O Eixo segue crecendo con tres novas incorporacións que supón que cada vez máis cidades queren formar parte do Eixo Atlántico e isto sucede porque o Eixo é un espazo de colaboración entre as cidades na cohesión social, no desenvolvemento económico e a sustentabilidade”.

Ricardo Rio lembrou que o Eixo está a piques de concluír un informe sobre descarbonización no territorio, un dos pioneiros a nivel de Europa e tamén no contexto da internacionalización cos intercambios con América Latina, Canadá ou Malaisia, en distintas formas de compartir experiencias, demostrando que o que se fai aquí, no Eixo, é un bo exemplo para outras cidades do mundo.

 

Rio destacou que “a unión fai a forza e no caso do Eixo Atlántico gañamos moito grazas a esta colaboración entre as cidades e o territorio ao longo dos últimos 30 anos”.

Sobre a participación da Orquestra Sinfónica de Braga na inauguración da Capital da Cultura en Lugo, celebrada a pasada noite, afirmou que foi “un espectáculo magnifico no que Braga puido e vai participar”. Esta participación da cidade de Braga “é a mellor maneira de pasar a testemuña de Braga (anterior Capital da Cultura) a Lugo”, concluíu.

O secretario xeral, Xoan Mao, quixo remarcar “o excelente nivel que tivo a inauguración da Capital da Cultura do Eixo Atlantico, o excelente nivel que ten a programación e a importancia que vai ter durante estes noves meses para a promoción da cultura e da industria cultural galega e portuguesa”.

“En segundo lugar reflectir que isto é unha arma de combate contra o populismo, os fascismos e o extremismo que por desgraza están a volver a brotar en Europa e que non son alleos ao que se está vivindo en Ucraína unha vez que todos sabemos que quen provocou a invasión de Ucraína é quen tamén alimentou, incluso financeiramente, partidos que representan posicións populistas e protofascistas nas democracias para debilitar a Unión Europea e por tanto isto se combate coa cultura, a educación e a unión no traballo do desenvolvemento de proxectos para a cidadanía que é exactamente o que hoxe discutiu e aprobou o Eixo Atlántico: proxectos para a sustentabilidade, para a calidade ambiental, para o desenvolvemento urbano, para a repoboación dos territorios de baixa densidade, para o apoio solidario para a internacionalización dos países en vías de desenvolvemento e para todo aquilo que a través da cultura e a educación pare os fascismos”, finalizou.

Artigos relacionados

Back to top button