CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

O engado das Marionetas da barquense Lola Doporto, no Espazo Artístico Roberto Verino

Unhas 15 obras desta creadora poderá verse nesta sala da cidade de Ourense ata o 4 de setembro

 

De ollos grandes e miradas intensas, nalgúns casos desafiantes e noutros ata sedutoras, as Marionetas que protagonizan os cadros da pintora Lola Doporto, natural de Millarouso (O Barco) non deixan a ninguén indiferente. Así o comprobaban os primeiros visitantes da exposición desta creadora valdeorresa, cun estilo moi persoal e recoñecible, que se inauguraba na tarde de onte, 5 de xullo, no Espazo de Arte Roberto Verino (rúa do Paseo, 21) na cidade de Ourense.

E así o destacaba tamén o propio Roberto Verino, que acompañaba a Lola Doporto neste acto, no que ademais estaba arroupada pola súa familia e amigos, moitos chegados de Valdeorras e de Vigo. “A nosa artista estanos a deixar claro que non queda ninguén indiferente á súa obra, pola súa capacidade, polo seu talento, pero sobre todo, por esta expresión que a todos nos sorprende, nos emociona e nos seduce”, destacaba Verino antes de propoñer un brinde con viño de Monterrei, en concreto o da súa adega Gargalo, “para desexar o mellor para todos nós”.

 

 

Deseguido, a pintora tomaba a palabra convidando a percorrer a exposición e tamén amosando a súa emoción, “estou abrumada, sen palabras”, xunto co seu agradecemento. Primeiro, a Roberto Verino, por “poder estar aquí”, e, a continación, “a toda a xente que veu a propósito a pasar este ratiño aquí, que se desprazou de Vigo, do Barco de tantos sitios, que só podo dicir grazas. Grazas á miña familia de Ourense, os da casa, á miña filla, ao meu pai, ao meu marido que ten moito que dicir, que el fai que todo sexa máis fácil. E sito vai tamén polos que non están, pero que están con nós”, concluía.

 

 

A mostra “Marionetas”, que inclúe uns 15 cadros de diversos, poderá visitarse ata o vindeiro 4 de setembro no Espazo de Arte Roberto Verino. Esta obra permite tamén coñecer a evolución temática e tamén estilística da autora (reflexo tamén da súa evolución vital), mantendo sempre como eixo ás súas marionetas, que nunhas ocasións aparecen acompañadas de paxaros protectores (como o moucho) e noutras de instrumentos como as gaitas, a mandolina ou o bombardino.

De formación autodidacta, Lola Doporto confésase admiradora de Matisse, Balthus, dos impresionistas e, de xeito especial, de Anton Pulido. Tamén estuda aos clásicos italianos ou a Goya, a quen considera o gran precursor.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button