SanidadeÚltima hora

O Equipo de Seguemento compartido Covid atendeu a máis de 10.000 pacientes en 2 anos en Ourense

Chegouse a atender diariamente a 350 pacientes tanto telefonicamente como a través da plataforma TELEA

Gran parte do Equipo ESCAH nunha imaxe tomada en marzo de 2020.

 

Tras máis de dous anos de intenso traballo, este venres disolveuse o Equipo de Seguemento Compartido de Atención Primaria-Hospitalaria (ESCAH) que se puxo en marcha na Área Sanitaria de Ourense, o 17 de marzo de 2020, co obxectivo de seguir aos pacientes positivos de Covid-19 en illamento domiciliario, coordinando os recursos hospitalarios, de atención primaria e dos servizos sociais, para detectar precozmente signos de empeoramento na súa evolución.

Formado por un número variable de persoal médico e de enfermería de atención primaria e dos distintos servizos de hospitalaria, que chegou a contar con 6 enfermeiras e outros tantos médicos por quenda. O novo dispositivo creado para atender ás necesidades dunha pandemia sen precedentes, permitíu avaliar e clasificar a cada paciente, segundo o seu risco de evolución desfavorable, manténdoos a seguemento constante, posibilitando indicar o seu ingreso hospitalario, ou derivalos ao seguemento polo seu Centro de Saúde, unha vez estabilizados.

O funcionamento do ESCAH en Ourense estímase evitou, segundo Sanidade, ata un 25% de ingresos hospitalarios, o que tendo en conta que nestes dous anos atenderon a preto de 10.000 pacientes, representaría que ata 2.500 puderon pasar a enfermidade nas súa casa, coa garantía dun seguimento médico e de enfermería especializado, que se mantivo tamén á alta dos pacientes Covid hospitalizados, permitindo así detectar aqueles casos nos que o mantemento da sintomatoloxía indica unha Covid persistente.

Este contacto continuado, que chegou a atender a 350 persoas diarias, tamén permitíu detectar necesidades, mais aló do asistencial, activando a intervención dos servizos de traballo social de hospitais e centros de saúde, que coordinadamente cos servizos sociais municipais puideron resolver problemas básicos de todo tipo, desde alimentación a establecer contacto coas familias ou achegados.

A “proba de esforzo” de TELEA

Na posta en marcha do ESCAH foi clave o grao de desenvolvemento, na área sanitaria ourensá, das tecnoloxías de seguemento telemático, como TELEA, e o papel da entón responsable da implantación desta de doutras aplicacións tecnolóxicas do Sergas, Myriam Iglesias, unha das impulsoras do ESCAH e a súa primeira coordinadora médica.

TELEA, a plataforma de teleasistencia domiciliaria do Servizo Galego de Saúde, para o contacto entre pacientes crónicos e profesionais sanitarios, adaptouse durante a pandemia como ferramenta básica, xa que facilitaba o seguimento do estado de saúde dos pacientes Covid en domicilio, coa detección rápida dalgunha alteración nos parámetros biomédicos rexistrados polos propios pacientes, como temperatura, saturación, etc.

TELEA complementábase tamén co seguemento telefónico, polo que, ademais de recoller a evolución foi moitas veces, moi especialmente durante a primeira onda, o fío de conexión polo que os pacientes atopaban resposta aos seus medos e soidade, incluso a unha sensación vergonzante, ou de estigma, que padeceron moitos nos primeiros días da pandemia.

Do ESCAH á Unidade Post Covid

Co progresivo avance da organización sanitaria para atender á covid, a dispoñibilidade de medios de protección, e o avance da vacinación, o seguemento domiciliario foi case exclusivamente asumido polos Centros de Saúde, e a ESCAH especializouse no seguemento de pacientes Covid tras a súa alta hospitalaria ou de Covid Persistente, polo que desde esta semana, parte do seu persoal de enfermería pasa a adicarse a esta última labor, integrándose na Unidade Multidisciplinar Post Covid.

Ao longo destes meses de pandemia, no equipo traballaron persoal médico e de enfermería de primaria e hospitalaria; especialmente da Sección de Enfermidades Infecciosas do Servizo de Medicina Interna, pero tamén especialistas de nefroloxía, urxencias, endocrinoloxía e oncoloxía, ademais de residentes de medicina familiar e comunitaria, e doutras moitas especialidades, que durante os períodos máis críticos e con maior número de pacientes, ofreceron o seu tempo e esforzos, para atender aos pacientes que permanecían illados e con condicións de saúde delicadas, con maior risco de derivar nunha situación grave, actuando precozmente ante un empeoramento, pero tamén tranquilizando ao outro lado do teléfono.

Artigos relacionados

Back to top button