DeportesNataciónÚltima hora

O equipo masculino do CN Escualos, campión galego Máster de verán de natación

As nadadoras quedaban no cuarto posto e na clasificación conxunta o club é subcampión

 

O Campionato Galego Máster de Verán finalizaba este domingo 13 de xuño na piscina Álvaro Pino de Ponteareas, co equipo masculino do CN Escualos Campus da Auga como campión. As nadadoras quedaban no cuarto posto e na clasificación conxunta o club é subcampión.

Segundo indican desde Escualos, “son os mellores resultados da nosa historia”, ao conseguir un total de 61 medallas (30 de ouro, 15 de prata e 16 de bronce), cun total de 823 puntos que os levaron a conseguir o subcampionato, por detrás de CN Ponteareas. O equipo masculino ourensán proclamouse campión galego cun total de 554 puntos nunha “vibrante competencia ata a última proba co Ponteareas” e o feminino acadou, con 269 puntos, unha cuarta posición “moi meritoria xa que o equipo acudía moi minguado polas baixas”, aseguran.

Desde o CN Escualos subliñan que é o primeiro título para o seu club despois do debut no primeiro campionato galego no ano 2016, casualmente na mesma piscina Álvaro Pino de Ponteareas. Este logro súmase ao acadado a pasada semana, cando se proclamaba subcampión da Liga Galega Máster, unha competición que premia a regularidade e na que participaron 23 equipos.

Sobre o galego Máster de verán, os Escualos recalcan que foi “un campionato con 25 clubs e o primeiro que se celebra tras a pandemia, con medidas de seguridade moi estritas, acceso con control por QR e retransmisión en streaming”, agradecendo a árbitros e xuíces da Fegan o traballo realizado durante toda a tempada para poder organizar campionatos, e resaltando a “extraordinaria organización por parte do CN Ponteareas”.

Fotos: CN Escualos.

Artigos relacionados

Back to top button