ConcellosManzanedaÚltima hora

O especial vínculo entre unha pega e un veciño de Manzaneda

 

Hai apenas un mes, ao chegar á porta da súa casa, Rubén Hervella, veciño de Manzaneda, atopábase cun poliño de pega no chan. “Debeu caer dalgún niño. Era moi pequeniño, collino e busquei información para ver que podía facer para alimentalo e mantelo vivo”, conta. Tras recabar esa información, probou a darlle á cría “penso de can mollado en auga e funcionou. Dende entón doulle de comer cada media hora polo día e pola noite durme”, explica.

Dende entón esta pega foi medrando e fíxose inseparable deste mozo, que sempre a leva libre. “Chamámoslle Zazú, como o paxaro do Rei León, o nome púxollo o meu fillo”, explica Rubén. “A miña intención era estar con ela ata que puidese voar, pero xa comezou a facelo e vemos que non marcha. Creo que quere quedar con nós”.

Zazú acompáñao mesmo a eventos, como o recente Festival da Comedia de Manzaneda, que se celebraba a pasada fin de semana e no que está tomada esta imaxe. E incluso vai con el aos ensaios do grupo no que toca, os SkaloPndras. “A primeira vez pensei que se ía asustar co son, pero todo o contrario. Púxose enriba da trompeta e alí estivo todo o tempo, tranquila, estou pensando en preparar un sombreiro para que poida vir tamén comigo aos concertos”, comenta Rubén.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button