Ourense

O Festival Atlántica de narración oral regresa este outono a Ourense con dous espectáculos

O xoves 5 de novembro, actuará Noelia Carioca e o día 7 será a quenda de Fernando Saldaña, ámbolos dous na Biblioteca Pública

A narradora salmantina Nelia Carioca actuará este xoves.

 

Malia as restricións sanitarias vixentes a causa da pandemia, o Festival Atlántica de narración oral achegará ata a cidade das Burgas dúas funcións presenciais que terán lugar na Biblioteca Pública. As dúas actividades son gratuítas pero cómpre inscribirse previamente nos teléfonos 988788385 ou 988788386.

A primeira cita será este xoves, 5 de novembro, a partir das 18 horas, con Noelia Carioca e o seu espectáculo Contos e papaventos. Esta narradora salmantina licenciada en Pedagoxía, co apoio de bonecos, obxectos e instrumentos musicais, vai ser quen de lles dar vida ás historias que brindará ao público para facelo voar alto coma os papaventos. Un espectáculo cheo de animais, poesía e ritmo para rir, soñar e gozar pensado para nenos de entre 3 e 8 anos.

 

Fernando Saldaña, contacontos salmantino, actuará o sábado.

 

O sábado 7, ás 12 horas, será a quenda para o narrador Fernando Saldaña (cotnacontos, mago, actor, director de teatro, ilustrador e humorista gráfico natural de Salamanca), quen porá en escena Robinsón e o seu loro, un espectáculo no que se narra a historia dun mariñeiro que se enfronta a unha terrible treboada que o fai afundir. Logo do naufraxio chega a unha illa na que atopa un loro que o axudará a volver á casa. A actividade está recomendada para nenos de entre 3 e 8 anos.

Nos seus cofres, baúis e maletas ten contos gardados para todos e cada un. Saldaña asenta a narración nos obxectos cotiáns, nos xogos de maxia, en bonecos e monicreques, no seu corpo e na súa voz, para que o espectador viva cada unha das súas palabras, como el as goza cando sobe a un escenario ou se coloca diante do seu público nunha escola, biblioteca, xardín ou praza.

Artigos relacionados

Back to top button