CulturaCulturaÚltima hora

O Festival de Curtas de Verín ofertará accións formativas para profesionais do audiovisual

Esta axenda de actividades tamén se dirixe a un público amateur interesado en afondar en coñecementos sobre a cinematografía e os seus campos afíns

Unha das actividades da pasada edición do FIC Verín./ Foto: FIC.

 

A organización do FIC Vía XIV propón para este 2023 unha serie de actividades formativas dirixidas principalmente a profesionais que desenvolvan a súa actividade no eido audiovisual e queiran mellorar as súas competencias arredor dunha serie de disciplinas ligadas a este ámbito de actividade. Porén, tamén, esta axenda formativa se dirixe a un público de carácter amateur interesado en coñecer máis de preto detalles da cinematografía e das súas áreas afíns.

Neste sentido, unha das actividades máis destacables que se porán en marcha será un obradoiro de interpretación perante a cámara. Unha iniciativa de 22 horas de duración, dirixida e impartida por Santi Cañaveral e Álex Mallo, orientada a aquelas persoas que participan, xeralmente, como afeccionados nos diferentes grupos de teatro que existen na vila de Verín; uns 200 homes e mulleres, especialmente xente nova. Nos últimos anos, estes grupos foronse achegando ao audiovisual a través de gravacións -profesionais ou domésticas- coas que experimentan novas narrativas visuais.

Este obradoiro, que se desenvolverá nas xornadas do 8, 9 e 10 de setembro, pretende explorar técnicas fundamentais para actuar con naturalidade e confianza ante a cámara. Ofreceranse claves para transmitir emocións, expresións e mensaxes a través do movemento, o ton da voz e a linguaxe corporal. Ademais, proporcionarase aos participantes a oportunidade de practicar en escenarios simulados coa finalidade de que poidan mellorar as súas hábilidades para o desenvolvemento de proxectos interpretativos. O FIC Vía XIV promove esta actividade en colaboración coa Escola de Teatro Kotodama.

O papel dos cineclubes en Verín e comarca

Outra destas actividades, dirixida por Sabela Souto, unha das profesionais que integran o cadro de persoal do FIC, é un relatorio divulgativo sobre o papel dos cineclubes en Verín ao longo da súa historia. Iniciativas que se consideran fundamentais para comprender a esencia e a acollida do que hoxe é o Festival de Curtas Vía XIV. Esta actividade porá en valor o papel dos protagonistas daqueles movementos cinéfilos co obxectivo de axudar a recuperar e salvagardar na memoria colectiva a súa relevancia. A iniciativa pretende, en definitiva, analizar e estudar a evolución destes cineclubes dende un triple punto de vista: audiovisual, sociolóxico e histórico.

Xunto a isto, neste 2023, dende o Festival de Curtas de Verín impulsarase un seminario dirixido a aqueles creadores e creadoras que desexen iniciarse no emprego de ferramentas de Intelixencia Artificial para o desenvolvemento dos seus traballos audiovisuais. Durante unha sesión de traballo impartida por Alfonso Sola Limia, filósofo e creador especializado en novas tecnoloxías, ofreceranse claves sobre como manexar con soltura estas ferramentas.

Ademais, en colaboración con Proxecta, a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, a organización do FIC Vía XIV propón unha mesa redonda orientada ao sector profesional na que se contará coa participación de diferentes directores e responsables de diversos certames cinematográficos galegos para debater sobre aspectos relacionados co estado do sector audiovisual en Galicia. Está previsto tamén que na mesa participen técnicos e profesionais doutros eidos e disciplinas culturais, e non só do ámbito cinematográfico.

Un rural cheo de audiovisual

O rural suscita, cada vez máis, a atención dos creadores audiovisuais e do gran público. Por iso, a organización do FIC Vía XIV de Verín considera fundamental crear espazos de encontro nos que os artistas, representantes de entidades e traballadores do sector poidan debater formalmente sobre as necesidades e posibilidades que o audiovisual representa para o rural. O apoio a novos creadores nestas zonas, o fomento de novos públicos, o aproveitamento dos produtos audiovisuais ou a achega ás últimas tendencias a vilas de menor dimensión serán algúns dos asuntos que ocuparán este encontro informal dentro da programación paralela do FIC Vía XIV 2023.

Datas, horarios e formularios de inscrición

Para participar nas diversas actividades que se propoñen nesta axenda especial para profesionais e público amateur interesado no audiovisual, é preciso inscribirse previamente en cada unha delas xa que contan con aforo reducido. En breve, a través da páxina web e das redes sociais do FIC achegaranse detalles sobre a data, hora e duración de cada unha destas accións e sobre os pasos para que aqueles interesados e interesadas poidan formalizar a súa inscrición nelas.

Artigos relacionados

Back to top button