CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

O Festival Internacional de Curtas de Verín presenta o seu completo programa de actos

A mostra porase en marcha o 30 de agosto cun novidoso acto inaugural na praza Maior da vila

Presentación do FIC Vía XIV de Verín, que tiña lugar esta mañá no Auditorio da vila./ Foto: FIC.

 

Os organizadores do Festival Internacional de Curtas (FIC) Vía XIV de Verín convidaban ao público, na presentación desta mostra, a mergullarse de cheo na completa axenda de actividades paralelas programada este ano abeiro deste evento cultural, que se desenvolverá do 30 de agosto ao 4 de setembro.

Na presentación do VII FIC, que tiña lugar esta mañá no Auditorio de Verín, participaban o alcalde da vila, Gerardo Seoane; a concelleira de Cultura, Emilia Somoza; o propio director do festival, Carlos Montero, xunto a outor dos membros do equipo directivo, Alejando Nieves, e a deputada provincial, Patricia Torres, en representación da Deputación Provincial de Ourense.

O FIC Vía XIV “vén evolucionando cara a un modelo de festival mais participativo, cun maior número de actividades para todos os públicos e cunha selección oficial de curtas a concurso máis reducida e concentrada en catro días. Serán 18 curtas, encadradas en tres categorias -Horizontes, A Raia e Nova- dunha altísima calidade, procedentes dunha ducia de países”, destacaba o director da mostra, Carlos Montero.

Esta transformación do festival apóiase ademais nunha maior porcentaxe de aportacións e colaboracións privadas, tal e como evidenciou na rolda de prensa o director do certame, destacando como altos patrocinios a clínica Dentalnova e a nova incorporación da empresa Roombo. Porén, o Concello de Verín segue a ser a principal entidade patrocinadora do certame, que tamén conta co apoio e respaldo da Deputación Provincial de Ourense e da Eurocidade Chaves-Verín.

Plataforma para o talento local

Xunto a isto, ao longo das seis edicións celebradas ata o momento, o FIC Vía XIV funcionou como un verdadeiro catalizador do talento local da comarca. “Unha plataforma na que contribuir a visibilizar a importante canteira de profesionais locais relacionados co ámbito audiovisual”, sinalou Carlos Montero.

Durante a presentación o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, sostivo que para o Concello “é unha honra apoiar este evento”. Na súa opinión, “o FIC Vía XIV constitúe un perfecto exemplo de resiliencia cultural”. “Telo visto nacer e medrar, afrontar con éxito as dificultades saíndo airoso de cada nova edición e non deterse, aínda nos tempos de pandemia, supón un verdadeiro orgullo para Verín”, manifestou.

Na mesma liña expresouse Emilia Somoza, concelleira de Cultura, que agradeceu a todo o equipo de traballo que fai posible o FIC Vía XIV “a súa implicación e esforzo, edición tras edición”. Somoza manifestou a súa ledicia porque o festival retome este ano o seu camiño inicial de cara a converterse nun auténtico contedor cultural.

Pola súa banda, Patricia Torres, en representación da Deputación Provincial de Ourense, recoñeceu a importancia deste festival e deulle os parabéns tanto ao Concello de Verín coma os organizadores por esta aposta pola cultura non só na comarca senón como provincia. Tamén lembrou a aposta firme da institución provincial polo sector audiovisual.
Axenda de actividades

O acto inaugural, o 30 de agosto na praza Maior de Verín

O Festival Internacional de Curtas de Verín arrincará a súa VII edición o martes 30 de agosto. Farao cun acto inaugural diferente, que terá lugar na Praza Maior de Verín. Tras o acto de inauguración, o trío Casperverk musicalizará en directo o filme The cameraman de Buster Keaton.

Paralelamente, no marco da axenda do FIC Vía XIV de Verín, terá lugar unha actividade paralela dirixida pola narradora oral Raquel Queizás, quen actuará para os cativos e cativas da comarca para descubrirlles o cinema e facelos entrar en contacto coa enxeñosa Mabel Normand, coa camaleónica Collen Moore, co polifacético Charles Chaplin, co xenio de Buster Keaton, cos comediantes Laurel e Hardy (o Gordo e o Fraco) ou cos inigualables Irmáns Marx (Groucho, Harpo e Chico).

Posteriormente, as crianzas gozarán dunha sesión de cinema infantil na que poderán votar pola súa curta favorita. Esta actividade, denominada “Sopa Cómica”, desenvolverase no Auditorio de Verín durante as xornadas do 1 e 2 de setembro, en duas quendas (unha primeira orientada a rapaces e rapazas de 2 a 7 anos e a outra para cativos e cativas de 8 a 12 anos).

 

Outra das imaxes da presentación./ Foto: FIC.

 

O Entroido, piar fundamental

Ademais, o Festival porá de novo o foco nun dos seus piares fundamentais: o Entroido. Nesta ocasión, farao a través de narrativas menos convencionais. Dunha banda, proxectarase unha sesión de curtametraxes cuxo fío condutor será o Entroido dende unha visión de orixe e posta en común das diferentes tradicións ao redor do mundo. A sesión finalizará cunha curta filmada a comezos do século pasado en Laza. Doutra banda, representarase a performance Carrilano KaoS de Álvaro Rúa con Gaita en Dó con técnicas estendidas, na que colaborarán o Fulión de Mormentelos e Kotodama Teatro.

O Galician Freaky Film Festival será o Festival Convidado polo FIC este ano. Trátase da cita definitiva do cinema e a cultura freak. Un festival que amosa unha coidada selección de pezas audiovisuais que moitas veces se ven privadas das canles habituais de distribución. Pezas moitas veces inéditas en Galicia, con estreas nacionais, internacionais e mundiais. Por isto, este ano o Festival Internacional de Curtas de Verín quere render homenaxe a este evento único traendo ata a vila do Támega algunhas das súas proxeccións máis singulares e ao seu director, Juan de Castro, para participar nun coloquio co público.
Mauthausen, regreso ao campo da morte

No marco da axenda de actividades paralelas do FIC Vía XIV, proxectarase un documental de aproximadamente 25 minutos de duración dirixido e guionizado hai máis de tres décadas polo xornalista e historiador galego Manolo Torrente. Trátase de Mauthausen, regreso ao campo da morte, que conta a historia de dous galegos que conseguiron saír con vida do horror daquel campo de concentración: Enrique Doval, natural de Lugo, e Xaquín Balboa, procedente de Estevesiños (localidade próxima a Verín).

Xunto a isto, ao longo de toda a semana o Espazo Roombo, habilitado en colaboración entre a Asociación Cultural Vía XIV e a empresa local Roombo, acollerá no exterior do Auditorio de Verín actividades diversas relacionadas coa música, a gastronomía, os encontros profesionais e a espontaneidade cultural.

Gala de clausura presentada por Esther Estévez

A gala de clausura do certame terá lugar o domingo 4 de setembro no Auditorio de Verín e estará conducida pola xornalista local, Esther Estévez, presentadora do programa da Televisión de Galicia Dígocho eu e recentemente distinguida como Mellor Comunicadora na Gala dos Premios Mestre Mateo.

Artigos relacionados

Back to top button