CulturaCulturaÚltima hora

O FIC Verín Vía XIV proxecta pezas exhibidas no Curtas-Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa, certame convidado neste 2023

Durante a mañá de hoxe, ademais, o FIC Vía XIV acolleu un debate sobre sostibilidade e xestión cultural en colaboración con Proxecta-Coordinadora Galega de Festivais de Cinema

Dous representantes do FIC Verín co director do Festival Imaxinario de Vilagarcía de Arousa./ Foto: FIC Verín Vía XIV.

 

O Curtas-Festival Imaxinario de Vilagarcía de Arousa, un dos certames cinematográficos máis emblemáticos e antigos de Galicia, foi o foro convidado pola organización do Festival Internacional de Curtas (FIC) Vía XIV de Verín este ano. Así, no marco desta actividade tivo lugar durante esta tarde un pase especial no auditorio da vila do Támega de seis traballos que participaron en edicións anteriores do certame arousán: Dispensary of Death, Incuubs, Kafka´s Doll, Operación Frankestein, Teratoms e The Monkey.

Tras a exhibición destas curtas, o director do Festival Imaxinario de Vilagarcía de Arousa, Luis M. Rosales, participou nun debate co público onde puxo en valor os eixos diferenciais do foro do que é responsable. Sinalou que que naceu coma un festival afeccionado e que, co paso do tempo, se foi consolidando como un punto de encontro de primeiro nivel dentro do eido cinematográfico galego adquirindo, ademais, un carácter multidisciplinar que tamén pon en valor a literatura ou o mundo do cómic.

Mesa Proxecta

Con anterioridade, durante a mañá, o auditorio de Verín acolleu un debate moderado por Ana Díez (A Seara Servizos Culturais), no que diferentes profesionais do audiovisual e do eido cultural abordaron as claves necesarias para integrar a premisa da sostibilidade na xestión cultural co propósito de dar cumprimento aos obxectivos marcados na Axenda 2030. O debate foi organizado en colaboración con Proxecta – a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema e contou coa participación da vicepresidenta desta entidade, Ana Estévez, así como coa da concelleira de Cultura de Verín, Samanta Barreira, ou coa do director do FIC Vía XIV, Carlos Montero, entre outras persoas.

Finalmente, as actividades desta xornada de venres no FIC Vía XIV completaranse cunha cata de diferentes cervexas, que terá lugar no espazo exterior do auditorio esta noite. Unha iniciativa denominada Hop & Roll e que se desenvolve baixo subscrición previa. Estará amenizada musicalmente e dirixida por profesionais do sector.

Artigos relacionados

Back to top button