CulturaCulturaEntroido 2021Última horaVídeos

O Fulión Alternativo de Viana despide o Entroido cun vídeo que retrata o sentimento por esta tradición

Membros do Fulión Alternativo xunto á torre da homenaxe de Viana no Entroido do 2018./ Foto: Fulión Alternativo.

 

Cun vídeo cargado de sentimento, emoción, tristura, pero tamén de esperanza, despide este insólito Entroido 2021 o Fulión Alternativo de Viana do Bolo. Entre o trepidante toque de bombos, gadañas e sachos propio desta localidade, e imaxes que retratan esta fonda tradición, diferentes persoas deste fulión (de todas as idades) van expresando o que significa para eles o Entroido vianés e como o viven e o senten.

“É un sentimento que se leva dentro os 365 días do ano”, “un chute de enerxía para todo o ano”, “a devoción no seu máximo esplendor” ou “unha experiencia que tes que vivir, que non se pode contar”, son algunhas das opinións recollidas.

As voces que plasman esa experiencia son as de 29 persoas:

 

Deste xeito o Fulión Alternativo culmina un Entroido moi diferente, no que, pese á que non puideron celebralo na rúa, si lograron manter moi viva a chama da festa ao longo de tres semanas con singulares iniciativas como o concurso de lardeiros, propostas como saír a tocar o fulión aos balcóns, a festa da androlla entre conviventes, ou este mesmo vídeo, que se publicaba coincidindo co Martes do Entroido, outra data clave no calendario vianés.

 

 

Xurdía case de forma natural. A través do seu grupo de whatsapp, os diferentes membros do fulión ían enviando notas de voz sobre a súa vivencia da festa que Jessica Granja se encargaba de recoller e de reenviar a Carlos X. Ares Pérez, quen editou e montou esta peza. “A xente empezou a compartir o que se lle saía do corazón, e máis nun día como onte, no que os sentimentos estaban a flor de pel”, comenta Carlos X. Ares, que amosaba a boa resposta que tiveron todas as iniciativas lanzadas polo fulión e o seu agradecemento, a todos aqueles que se sumaron a esta celebración tan atípica do Entroido.

O vídeo inclúe tamén dúas coplas de Entroido, como reflexo do momento actual, con melancolía pola festa pero tamén coa esperanza de poder recuperala e festexala dobremente no vindeiro 2022.

Fotos e vídeo: Fulión Alternativo de Viana do Bolo.

 

Artigos relacionados

Back to top button