ConcellosÚltima horaViana do Bolo

O Fulión Alternativo lanza propostas para vivir o Entroido de Viana de forma diferente e segura

Anima a encher as fachadas de lardeiros e lardeiras, a tocar o folión nos balcóns ou enfariñarse na casa entre conviventes, entre outras propostas

 

Viana do Bolo é unha das vilas da provincia onde se vive de xeito especial e moi intenso o Entroido. Por iso, e tras o anuncio do Concello da cancelación das celebracións ante a situación provocada pola pandemia do Covid-19, o Fulión Alternativo vén de publicar nas súas redes sociais un comunicado no que se plantexan unha serie de propostas para manter viva tanto nas rúas como nas casas esta festa, ao mesmo tempo que se cumpren ás medidas sanitarias fronte ao coronavirus.

O Entroido, di o Fulión Alternativo, “é a nosa maior explosión de tradición, enxebrismo e sentemento”, por iso, fieis ao “noso espírito entroideiro, que nos fai levar esta festa nos corazóns e tamén a non facernos á idea de que este ano quede sen ningunha celebración, queremos achegar o noso gran de area a través de diferentes iniciativas que axuden a que nas rúas e fogares da nosa vila e aldeas poida sentirse a festa, e que ao mesmo tempo sexan compatibles co rigoroso cumprimento das restricións ditadas polas autoridades competentes”.

Nese senso, diríxense ao conxunto da veciñanza de Viana, “pois como di o noso lema “alternativos somos todos”, e propoñen ata 5 propostas diferentes. Así, en primeiro lugar animan a que nos Xoves de Compadres e Comadres os veciños se disfracen “para acudir aos vosos quefaceres diarios (postos de traballo, mercar, pasear , etc.). Con isto encheremos Viana do Bolo de cor e tamén do ambiente cómico e distentido co que sempre vivimos esta festa”.

Ademais suxiren encher “as nosas fachadas, fiestras e balcóns de Lardeiras e Lardeiros, facendo a colga de cada un deles no seu día correspondente. Non permitamos que esta parella que dende hai tantas décadas nos acompaña polo entroido, quede este ano sen o seu protagonismo”.

Con relación a outras das manifestacións máis características de Viana, as fariñadas, o Fulión Alternativo anima a enfariñarse “na casa entre persoas conviventes nos días de Compadres, Comadres e Martes de Entroido. Podedes achegarnos os vosos vídeos e fotos ao noso correo electrónico (fulionalternativo@gmail.com), e nós os iremos publicando no noso facebook. Ou se o preferides, podedes publicalo directamente no noso espazo “facebook.com/Fulión-Alternativo”.

Tamén plantexan tocar “o fulión dende os vosos balcóns ou diante da porta da casa, sempre entre conviventes e sen superar o número de persoas permitido. Este ano faremos esta especial ronda de folión, porque unha ronda… sempre se fixo!”.

E, xa de cara ao Domingo Gordo, unhas das datas centrais do Entroido vianés, o Fulión Alternativo propón celebrar “privadamente nas mesas a nosa particular “Festa da Androlla”, que será así unha especial 51 Edición. Mandade ou subide tamén as vosas fotos e vídeos!”.

Deste xeito, este fulión vianés pretende animar ao conxunto dos veciños a “sentir e vivir a festa este ano, con moito sentidiño, pero tamén con moito espírito entroideiro”.

Na galería de fotos, imaxes de Entroidos anteriores cedidas polo Fulión Alternativo de Viana do Bolo.

 

Artigos relacionados

Back to top button