
A rúa tamén pode ser un escenario, e moi esixente. E saber como se desenvolven nel os seus alumnos é o que pretende o responsable do grupo de teatro de mozos de Verín, Santiago Cañaveral, cun exercicio que lles propuxo para o vindeiro sábado 1 de xuño.
“Son diferentes personaxes extremos, cada un deles cun estigma, e que foron creados polos propios alumnos. Despois eles mesmos distribuíronse entre si os papeis. A idea do exercicio consiste en saír a cear interpretando cada un o seu personaxe e despois incluso saír a bailar, mantendo ese mesmo personaxe ata as dúas da madrugada”, explica Santiago Cañaveral.
Outro dos obxectivos dese exercicio é lograr que os estímulos exteriores non interrumpan a concentración dos actores para que poidan manter ata o final o seu personaxe.