ConcellosEn portadaÚltima horaVídeos

O historiador Antonio Castro Voces xa é “Valdeorrés Ilustre”

O presidente do IEV, Aurelio Blanco Trincado entregaba o título ao seu sobriño, Brais Guitián, nun emotivo acto celebrado na Casa Grande de Viloira

 

Antonio Castro Voces, historiador valdeorrés de pro falecido hai apenas catro meses, foi unha persoa moi querida. Non só pola súa capacidade intelectual e o seu nivel profesional con numerosísimos traballos literarios, de investigación e mesmo sociais, senón pola súa calidade humana, pola seu optimismo e altruísmo. E así quedaba patente na tarde deste xoves 16 de maio, víspera do Día das Letras Galegas, no acto celebrado na Casa Grande de Viloira (O Barco), mediante o cal o Instituto de Estudos Valdeorreses, do cal era Membro de Mérito, o proclamaba “Valdeorrés Ilustre”.

 

 

“A tenor do art.11, parágrafo 2°, que di: “os membros de mérito xa finado, pasarán directamente a formar parte do cadro Valdeorreses Ilustres”; circunstancia que se dá na persoa de Antonio Castro Voces, é norma da nosa asociación organizar un acto académico solemne de proclamación como Valdeorrés Ilustre daqueles Membros de Mérito que falezan”, en palabras do presidente Aurelio Blanco, encargado de presentar o acto ao que acudía numeroso público, moita xente vencellada ao propio IEV, pero tamén veciños de Quereño (Rubiá) de onde era natural o homenaxeado, alcaldes da contorna como o do Barco, Vilamartín, Carballeda ou Puente de Domingo Flórez, familiares e amigos que asistían emocionados ao acto.

 

 

O secretario do IEV, José Antonio Blanco Novo, era o encargado de ler a acta da sesión extraordinaria do 18 de abril na que a xunta directiva do instituto tomaba “o acordo de renderlle homenaxe na sede do Instituto de Estudos Valdeorreses; no mesmo salón no que impartiu conferencias e presentou a maioría dos libros da súa autoría”, sendo o investigador do CESIC, Isidro García Tato, natural de Viladequinta (Carballeda) e tamén membro do IEV o encargado de impartir o laudatio sobre Castro Voces.

“Amigo Toño, Valdeorras e Galicia teñen unha débeda impagable contigo. Eres a pedra clave que suxeita o marabilloso arco historiográfico da nosa bendita terra e sei que dende o estado consumado definitivo no que te atopas, con todos os bos e sabios amigos que te precederon, seguirás intercediendo para conseguir unha terra valdeorresa modélica para todos nós”. Con estas palabras remataba un emocionado Isidro a súa intervención, na que fixo un repaso pola vida do seu amigo e compañeiro de xuventude, Antonio, co que compartíu o ilustre título de Membro de Mérito “el letra A e eu letra D”, dende que se coñeceron hai 50 anos “nos dous mellores sitios nos que se coñece ás persoas, no xogo e na mesa”, primeiro xogando ao fútbol co equipo de Sobradelo contra o de Éntoma, unha efeméride que celebraban o ano pasado cun xantar no Mesón Museo; e despois no restaurante onde ceaban”.

 

 

A nivel profesional, carreira que seguíu ao longo dos anos, García Tato dividiu a súa intervención en tres apartados: a actividade de Toño á fronte da Sección de Historia no IEV durante 16 anos; e a actividade publicista, salientando as súas máis importantes obras tanto libros como arquivos; rematando cunha referencia á súa obra inédita Valdeorras Pueblo a Pueblo onde se fai unha síntese dos 161 pobos dos 9 concellos de Valdeorras incluídos os 7 desaparecidos. Unha obra moi voluminosa que o propio García Tato se comprometeu a revisar, corrixir e actualizar. A ese respecto, o alcalde do Barco, Alfredo García, comprometeuse a “editar o libro cando ti o corrixas”.

García Tato tamén asegurou que no tempo que Toño estivo á fronte da Sección de Historia e Antropoloxía, “o IEV acadou unha época de ouro que non vai ser doado que se volva repetir, dado que nela puxéronse os cimentos sólidos para a construción dunha historia seria, cabal e ben documentada da comarca de Valdeorras”.

 

 

O acto remataba entre aplausos co presidente do IEV entregando ao sobriño de Castro Voces, Brais Guitián, o diploma acreditativo de “Valdeorrés Ilustre”. Brais, pola súa banda, daba as grazas a todos os presentes, tendo palabras de cariño e lembranza para o seu tío e tamén para os seus pais e avós.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button