A experimentación científica envolvía cada recuncho do IES Carlos Casares de Viana do Bolo ao longo da mañá deste 21 de maio. Celebrábase a XVI Feira das Ciencias deste instituto coa participación duns 116 estudantes dos centros de ensino da comarca: o CEIP Bibei de Viana, o CPI Laureano Prieto da Gudiña e o CEIP Augusto Assía da Mezquita, ademais dos do instituto anfitrión.
Dende as dez da mañá as diferentes dependencias do centro, dende o patio ata as aulas, convertíanse en escenario de máis de medio cento de experimentos moi diferentes, entre eles había algúns relacionados coa tecnoloxía e coa mecánica, moitos coa química e outros tamén coa electricidade ou con fontes de enerxía renovables. Os alumnos agrupábanse por parellas e amosaban un traballo que levaban preparando en moitos casos ao longo deste curso.
Algunhas das propostas que podían verse eran a creación de cobre e hidróxeno, lume nas mans, a electrólise e oxidación catalítica do amoníaco, un globo que se inflaba só, fogos artificiais acuáticos, un papel que non arde, experiencias con limaduras de ferro, unha lámpada volcánica, burbullas con xeo seco, un reloxo solar, un cohete de te, un cultivo hidropónico, un circuíto cunha pataca, un medidor de pH con lombarda, o recubrimento dunha moeda con zinc… Unha das novidades desta edición será o cambio de nome do Club de Ciencia do IES Carlos Casares que agora pasa a chamarse Miguel Arranz, en homenaxe o profesor de física que creou a Feira das Ciencias e que pasou a meirande parte da súa traxectoria como docente neste centro vianés.
Era unha xornada de aprendizaxe, pero tamén cunha vertente moi lúdica e de convivencia entre centros do rural desta parte da provincia. Así, ademais do obxectivo pedagóxico e do achegamento á ciencia que supón esta actividade para os escolares, con ela tamén se busca achegar o IES Carlos Casares ao alumnado que nos vindeiros cursos se vai incorporar ao centro. “Outra das pretensións é que os estudantes de sexto de primaria que vaian pasar ao IES o coñezan. De feito, aos alumnos participantes que veñen doutros centros fáiselles unha pequena presentación ao chegar e realizan unha pequena ruta para coñecer as instalacións”, engade José María Pérez.
Unha das novidades desta edición será o cambio de nome do Club de Ciencia do IES Carlos Casares que agora pasa a chamarse Miguel Arranz, en homenaxe o profesor de física e química que creou a Feira das Ciencias e que pasou a meirande parte da súa traxectoria como docente neste centro vianés, comenta José María Pérez, un dos profesores que forma parte do Club da Ciencia do IES Carlos Casares.
Fotos cedidas.