CulturaCulturaEducación

O IES García Barbón de Verín estrea biblioteca

Imaxe da nova biblioteca do IES García Barbón de Verín./ Foto cedida.

 

“A biblioteca, como lugar de traballo, estudo e investigación, ocupa un espazo esencial dentro dun centro educativo. Por este motivo, resulta importante a súa organización e xestión, así como a súa dinamización, co fin de atraer usuarios/as a unha estancia que resulte agradable, atractiva e eficiente. A renovación integral experimentada pola biblioteca do IES García Barbón persegue este propósito”, aseguran dende este centro educativo.

Deste xeito, con esta actuación, a biblioteca deste instituto verinés “gañou en atractivo e funcionalidade, grazas as paredes pintadas de branco, ao novo mobiliario máis accesible e de cores neutras, á reforma das fiestras, que proporciona máis luz e illamento, e a iluminación, feita a partir dun estudo profesional, tendo en conta a finalidade do lugar”, segundo a dirección do centro.

Por outra banda, o alumnado e o profesorado contan con máis de seis mil obras a súa disposición, colocadas en andeis á altura da vista. Os fondos inclúen obras de ficción e non ficción en galego, castelán e inglés, ademais de banda deseñada, CD de música, DVD de películas e xogos didácticos. “Paralelamente, contamos con amplas mesas de estudo que posúen enchufes integrados para o uso de dispositivos electrónicos, ademais dunha mesa específica para xogos e un recuncho lector formado por dúas confortables cadeiras de brazos e unha pequena mesiña central”, explican dende o IES García Barbón.

Dende o punto de vista da dinamización –que coordina Carmen Manzano Rovira-, dende a Biblioteca do IES García Barbón lévanse a cabo unha serie de liñas de actuación destinadas a fomentar a lectura e inserir a biblioteca na vida escolar normal do alumnado como espazo de estudo e traballo, de aprendizaxe e convivencia.

“Para iso”, indican dende este instituto, “dáse a coñecer dende o principio do curso o seu funcionamento e recursos dispoñibles; créanse actividades, exposicións e concursos ao longo dos trimestres que impliquen aos/ás estudantes; amplíase o fondo con novidades en libros, xogos e banda deseñada atractivos; faise publicidade das actividades e lecturas nas redes sociais; créanse espazos temáticos con material sobre Igualdade, Mindfulness, e proximamente, de Neuroeducación; implicando deste modo á biblioteca nos distintos proxectos de formación que se desenvolven no centro”.

Artigos relacionados

Back to top button