O I Concurso PIMAga do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), dirixido a docentes de todos os niveis educativos, nacía coa intención de descubrir e dar difusión ás actividades que os centros escolares galegos realizan con motivo do Día Internacional das Matemáticas (14 de marzo). Os participantes debían responder á cuestión: “Que fas na túa aula para celebrar o Día Internacional das Matemáticas?”
Nesta edición o primeiro premio vén de recaer no alumnado de 1º da ESO do IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras pola proposta “Traballando o número π” da súa profesora Ana Pérez, tal e como vén de indicar este centro. O proxecto consistía nunha secuenciacón de tres actividades das que o tribunal valorou “a súa orixinalidade e a súa adecuación didáctica ao número 𝜋 dende a súa característica definitoria”.
Segundo o xurado, “o alumnado vese involucrado en todo o proceso e ten acceso a unha aprendizaxe significativa. A exposición é completa e clara, no sentido en que permite a súa replicación. Ademais, a actividade alterna tarefas guiadas con outras máis abertas nas que o alumnado pode desenvolver a súa creatividade.”