CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O IES Martaguisela do Barco participará no Concurso de Oratoria improvisada en galego intercentros

Foto cedida.

 

Esta semana vén de iniciarse a selección por aulas do alumnado do IES Martaguisela que participará no Concurso de Oratoria improvisada en galego intercentros. Así, tal e como informan dende este instituto, as semifinais faranse en cada centro, por clases. “Seleccionaranse tres estudantes de cada clase, aqueles que obteñan maior puntuación en contidos, habilidades comunicativas verbais e non verbais e dicción, entre outras. Da selección encargarase un xurado formado por profesorado do centro”.

Os estudantes participantes terán que escoller unha palabra ao azar de entre unha selección feita polo profesorado e axustada a cada nivel, e deberán falar sobre ela durante un minuto. Previamente haberá un traballo de documentación sobre esa verba e sobre a posterior intervención.

Os finalistas disputarán o seu paso á final intercentros nunha nova proba en cada centro educativo e nela resolveranse tres ganadores en cada categoría: 1º e 2º da ESO, 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato. “Finalmente os gañadores de cada nivel retaranse aos gañadores respectivos dos outros centros en dúas rondas alternas e sempre coa mesma dinámica de falar dunha palabra durante un minuto”, explican dende o IES Martaguisela.

A final deste concurso desenvolverase nesta edición no IES Xograr de Sarria. O alumnado deste centro competirá co do IES Cabe de Monforte e co do IES Martaguisela do Barco, algo que se prevé para o mes de abril.

Esta iniciativa enmárcase dentro das actividades de dinamización da Lingua Galega. “Pensamos que é a mellor forma de que o alumnado se afaga a falar e de que mellore a expresión oral. A Oratoria é unha disciplina moi completa, mellora a competencia lingüística, pero tamén a seguridade persoal, o control das emocións, a empatía, a autoestima e o desenvolvemento persoal de cara a calquera carreira ou profesión, por iso dende o IES Martaguisela apostamos sempre por esta actividade que xa resultou moi beneficiosa en cursos pasados”, destacan dende o centro barquense.

Artigos relacionados

Back to top button