Ás 12:30h. deste sábado 9 de xullo abría as súas portas ao público o recinto da XXIII Feira do Viño de Valdeorras, unha mostra que se retoma logo de dous anos de parón por mor da pandemia. A feira volve con forza e faino, novamente, na praza Otero Pedrayo de Viloira (O Barco) onde se poden degustar os viños de ata 20 adegas da D.O. Valdeorras: A Coroa, Alán, Adega da Pinguela, Melillas e Fillos, O Casal, O Cepado, Adega Terrae, Bodega Cooperativa Xesús Nazareno, Cooperativa Virxe das Viñas, Joaquín Rebolledo, Santa Marta, Godeval, A Tapada, Roandi, Sampayolo, Virgen del Galir, Cova da Xabreira, D’Berna, Felipe Mayo Alonso e Hacienda Ucediños.
O acto inaugural contaba coa presenza de numerosas autoridades e incluía tamén a lectura do pregón, a cargo do actor galego Federico Pérez.
O horario da mostra será tanto nas xornadas do 9 e 10 de xullo de 12:30h. a 14:30h. pola mañá e de 19:30h. a 23h. pola tarde-noite. Durante estas dúas xornadas o artista vilamartinés OrdeCaos creará un mural conmemorativo no interior do recinto feiral no que plasmará o espírito desta festa e tamén dos viños de Valdeorras.
A feira, que nesta xornada está sendo animada pola Charanga Támega de Verín, inclúe tamén actividades complementarias como catas maridadas e inchables e actividades infantís no Xardín da Casa Grande.
Nesta galería de fotos faise un percorrido visual por diversos momentos da apertura da feira esta mañá.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Máis información: