ConcellosEn portadaGalerías de fotosO BarcoÚltima horaVídeos

Ponse en marcha a XXIII Feira do Viño de Valdeorras que reúne a 20 adegas en Viloira (O Barco)

O acto inaugural tiña lugar este mediodía e incluía o pregón a cargo do actor Federico Pérez

 

“Os mellores embaixadores de Valdeorras son os seus viños, en calquera punto do mundo case se pode encontrar un viño desta D.O., e onde haxa un viño de Valdeorras está Valdeorras. Formamos parte dunha comarca e dunha xente”, resaltaba o presidente desta denominación de orixe, José Luis García Pando, no acto inaugural da XXIII Feira do Viño de Valdeorras, neste mediodía na praza Otero Pedrayo de Viloira (O Barco).

A mostra, que reúne a 20 adegas e desenvolverá nesta fin de semana, abría as súas portas ás 12:30h. e estaba animada pola charanga Támega de Verín que poñía ritmo á apertura ata pasadas ás 13h., onde se daba paso á inauguración, que contaba coa presenza de diversas autoridades, entre elas o tenente de alcalde do Barco, alcaldes e concelleiros doutros municipios da comarca, da deputada provincial Ana Villarino; do subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González; do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) da Consellería do Medio Rural, José Luis Cabarcos; do parlamentario galego Eduardo Ojea ou do senador Miguel Bautista, entre outros.

 

 

O acto abríase coa intervención do presidente do CRDO Valdeorras, José Luis García Pando, quen comezaba con agradecementos ao Concello do Barco “pola súa dispoñibilidade”, á Deputación de Ourense, á Consellería do Medio Rural e, sobre todo, ás adegas “sen elas non tería sentido nin facer esta feira, nin as diferentes accións de promoción dos viños de Valdeorras. Ao final elas son as que venden o viño e, coa axuda da boa uva que producen os viticultores, elaboran eses  viños de calidade que nos levan por todas as partes do mundo”. Así mesmo expresaba as súas felicitacións aos viños premiados na cata oficial da feira (cuxos galardóns se entregaban onte) e aos recoñecidos noutros certames así como en puntuacións de prestixiosas publicacións, que “nos teñen dado alegrías,que chegan a todo o sector, o éxito dunha adega é o éxito de todas, e vainos servir para comercializar mellor o viño”.

Ademais, García Pando comentaba que o sector segue na “liña de medrar en extensión, en produción, seguimos tendo falta de uvas e seguimos animando aos viticultores a que planten máis. A vendima limita moito o futuro do ano das adegas, e seguimos necesitando máis produción”. E concluía o seu discurso animando a veciños e visitantes a que “probedes todos os viños porque seguramente atoparedes xoias que non podedes degustar normalmente”.

 

 

A continuación tomaba a palabra a deputada provincial Ana Villarino, quen lembraba que “o viño, xunto coa lousa, son os buques insignia de Valdeorras” e incidía no potencial vitivinícola de Ourense, unha provincia que conta “con 4 das 5 denominacións de orixe de viño de Galicia. Temos que seguir desenvolvendo este sector para chegar a niveis máis altos”. E resaltaba que as denominacións de orixe ourensás “non somos competencia, somos complementarias e isto debe unirnos e non separarnos”. Tamén amosaba a vontade da Deputación provincial por “promocionar os viños de Valdeorras”.

 

 

Deseguido, o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, felicitaba á organización da feira e aos adegueiros “por ter traballo e terse mantido para superar a difícil situación atravesada, felicítoos por volver reunirnos aquí con ilusións renovadas” e tamén ás adegas galardoadas na cata da feira e noutros eventos. “Isto fai patria, isto fai Valdeorras, isto fai o viño que temos nesta D.O. e tamén o que é e significa de produción vitivinícola da provincia”. Por outra banda, referíase a unha resolución de axudas para a exportación publicada recentemente polo goberno do Estado no BOE.

 

 

Pola súa banda, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Jose Luis Cabarcos, felicitaba ás adegas e ao CRDO Valdeorras, e referíase á “Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia”, que está a impulsar a Xunta, así como á nova Lei de Calidade Alimentaria, “que estamos a piques de presentar no Parlamento e que vén a potenciar se cabe aínda a máis a relación que temos entre a Consellería do Medio Rural e os consellos reguladores, e que ademais en Valdeorras ten un nivel de compromiso absoluto e foi unha cuestión elaborada de maneira participativa e aberta”.

 

 

Cabarcos tamén aludía a outras liñas concretas nas que participa a D.O. Valdeorras “como responsable das cuestións de promoción e control e aí hai dúas cuestións que para min son estratéxicas. A primeira é, derivado dun risco de pérdida de competitividade a través dunha normativa relacionada coa ENAC, estamos traballando nun proxecto un de cuxos líderes é Valdeorras para poder reducir ou minorar o risco de perda de competitividade das nosas adegas a nivel nacional, e especialmente internacional. Esta vai ser unha liña de traballo moi interesante e importante de cara ao futuro”. Tamén, engadía, “hai unha liña adicional relacionada coa dixitalización, queremos darlles as facilidades que nos permite a tecnoloxía”.

 

 

Finalmente, tomaba a palabra o tenente de alcalde do Barco, Aurentino Alonso, quen aludía a coincidencia da recuperación da feira co ano das Letras de Florencio Delgado Gurriarán. Tamén falaba das fondas raíces da cultura do viño en Valdeorras poñendo como mostra a ara romana adicada ao “Libero Patri”, a Baco, que se conserva na igrexa de Santurxo en Millarouso (O Barco).

 

 

“Valdeorras é sinónimo de de viño e o viño e Valdeorras van xunguidos. Coa posta en marcha do proxecto Revival, tanto viticultores como adegueiros apostaron por unha nova vitivinicultura, na que a calidade sempre foi o obxectivo final. A día de hoxe ese obxectivo está máis que acadado, como así o demostra o aprezo que os mercados, tanto nacionais como internacionais, lle teñen aos viños de Valdeorras. Pero nun mercado tan competitivo como este hai que seguir traballando para acadar a excelencia e esta feira é un escaparate no que os profesionais, os distribuidores e os clientes finais teñen un acceso directo aos viños que aquí se se producen”.

 

 

A inauguración completábase coa lectura do pregón a cargo do actor Federico Pérez, que se confesaba “un gran admirador do viño” e confesaba que se tiña criado con “sopas de burro cansado”. Despois falaba da súa figura de pregoeiro e bromeaba propoñendo a outras figuras da actualidade nacional e internacional como posibles pregoeiros desta mostra.

 

 

Tamén en marcado tono humorístico comentaba a primeira vez que se falaba dos viños de Valdeorras era na Biblia, e comentando episodios como o da Arca de Noé ou o da última cea. Finalmente remataba cunha referencia ao poeta Florencio Delgado Gurriarán e cantando unha versión sui generis do retrouso de “Terra” das Tanxugueiras.

 

 

A partir de aí, soaba de novo a charanga Támega e os visitantes, copa en man, comezaban un percorrido polos 20 expositores das adegas participantes nesta edición da feira. Ao mesmo tempo, comezaba a primeira das catas comentadas, a de viños de Valdeorras maridados con pans e empanadas artesás, no Xardín da Casa Grande de Viloira.

 

 

Tamén se programará unha cata con outros produtos agroalimentarios. Ao longo da xornada de hoxe non faltará a música de Los Íñigos e a Charanga Támega.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button