EconomíaEconomíaÚltima hora

O Inorde doa 6.000 quilos de patacas ao Banco de Alimentos de Ourense

 

O Inorde, organismo dependente da Deputación de Ourense, vén de doar de 6.000 kg de patacas da Limia ao Banco de Alimentos de Ourense, “a primeira deste ano dunha serie de achegas que realiza a institución provincial a distintos colectivos e organizacións vencelladas á atención dos máis desfavorecidos”, sinalaba o presidente do Inorde, Rosendo Fernández, durante a entrega destes produtos ao presidente do Banco de Alimentos de Ourense, Cecilio Santalices.

Rosendo Fernández explicaba que o goberno provincial “consciente da situación que viven moitas familias ourensáns, sempre está ao carón das entidades sociais que contribúen a paliar as dificultades que viven no seu día a día, como o Banco de Alimentos”. Así mesmo, o presidente do Inorde subliñaba “o gran labor que realizan numerosas organizacións da nosa provincia, como o Banco de Alimentos, que axudan ás persoas sen recursos. Un traballo que resulta crucial e imprescindible para moitas familias ourensás e que quero agradecer en nome da Deputación de Ourense”.

Todas as patacas doadas, que forman parte dese labor social e contribución do Inorde coas entidades sociais, foron producidas na finca de ensaios Antela que o Inorde traballa na comarca da Limia co obxectivo de realizar experiencias que melloren os cultivos, así como os xeitos de produción, para dotar de información ao sector agrario provincial sobre novos cultivos, melloras na fertilización, optimización contra pragas e enfermidades. “Todo elo, coa máxima de apostar por unha agricultura que englobe conceptos tales como a biodiversidade, a economía circular e o respecto polo medio natural”, indican dende este organismo provincial.

Ademais, cabe destacar que, un ano máis, traballou nesa finca de ensaios, o alumnado do curso de actividades básicas de Agricultura realizado a través do convenio de colaboración entre o Inorde e Cáritas Ourense. Así mesmo, esa colaboración tamén permitirá que o Inorde realice novas entregas de patacas tanto ó comedor social de Cáritas Ourense na cidade, así como naqueles puntos que dita entidade determine.

Artigos relacionados

Back to top button