CulturaCulturaÚltima hora

O libro “A fábrica de chocolate en Teimende” presentarase o sábado nesta localidade de Parada de Sil

Este libro, escrito por José L. Fernández, recolle a través de moitos documentos información sobre o proceso de fabricar o chocolate, as dificultades de conseguir materias primas de calidade, sobre todo na posguerra

 

O Concello de Parada de Sil segue a por en valor o patrimonio material e inmaterial do seu municipio, pretendendo ademais conservalo e melloralo. “Conservar a memoria é construír un futuro acertado sobre bases sólidas”, asegura o seu alcalde Aquilino Domínguez.

Un paso importante nese longo camiñar é a presentación do libro “A fábrica de chocolate en Teimende” de José L. Fernández Carnicero, cuxa edición conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. O acto está previsto para o vindeiro sábado ás 12h. no local social da veciñanza en Teimende.

 

 

Este libro recolle a través de moitos documentos información sobre o proceso de fabricar o chocolate, as dificultades de conseguir materias primas de calidade, sobre todo na posguerra. Reséñanse moitas anécdotas como os escritos do médico da época dicindo que había moitas mulleres embarazadas para que así lle permitisen unha maior cantidade de cacao. “A salientar tamén o marketing, publicidade, deseño dos anuncios e vales de promoción que eran produto do maxín do chocolateiro Ricardo”, destacan dende o Concello de Parada de Sil.

Tamén se recolle no libro unha entrevista ás dúas fillas do chocolateiro que, de nenas, traballaron na fábrica que chegaba a producir 200 tabletas diarias e que como é lóxico aportan moito coñecemento sobre a produción de chocolate artesanal no medio rural.

O remate do acto serviranse uns petiscos e como non, un chocolate, acompañado da actuación duns gaiteiros.

Artigos relacionados

Back to top button