ColaboraciónsCulturaCulturaOpiniónÚltima hora

O Museo da Limia, o Premio Pedra Alta e Limisi

Artigo de Xosé Carlos Sierra, Membro do Consello Asesor do Museo da Limia

Unha das salas do Museo Etnográfico da Limia./ Foto: Museo Etnográfico da Limia.

 

O pai da museoloxía contemporánea, George H. Rivière, reinvindicaba para os museos ser espellos da sociedade na que procuran decote botar fondas e duradeiras raíces. Sociedade e territorio son dous vectores fundamentais para comprender a misión do museo e os museos comarcais, que nacen e medran para dar testemuño da vida que se produce e reproduce na súa contorna son, ao tempo, observadores privilexiados do labor, das inquedanzas, das preguntas e das respostas que experimentan as xentes que se senten reflectidas nese foro cultural que é –pode e debe ser– un museo.

O museo non se esquece, nin pode facelo, dos visitantes, das persoas que se achegan a súa sede na procura de lecer ou de coñecemento. Pero un museo, e moi especialmente un museo local ou comarcal, o que non pode esquecer é que o seu labor, a súa atención, a súa curiosidade e a súa teimosía deben reparar nos veciños, nos lugares, nos comportamentos, nas paisaxes, nas accións, nas relacións e nos vínculos que se tecen e retecen na vida comunitaria.

Estes museos etiquetados como etnográficos reflicten a vida cotiá da xente que fai territorio, recuperan as memorias que informan a identidade das aldeas, das parroquias e das vilas, decátanse do que foi e aventúranse no que vai sendo e no que pode ser. O patrimonio que acollen, manteñen, crean e recrean este museos vai constituído por cousas con significado e vai encadrado en cousas con sentido. E se dicimos sentido, falamos daquelo que resulta de interese, pero tamén de importancia, para os distintos grupos de persoas que se identifican co territorio, cos seus problemas e coas súas esperanzas.

O sinalado afecta a todo “museo” como institución cultural, independentemente do seu apelativo, pero afecta singularmente aos museos de sociedade, entre os que se encontran os etnográficos e antropolóxicos. Porque os museos deste perfil, de xeito particular os que agroman en comarcas con singularidades xeográficas e socioculturais ben definidas, non só poden (e deben) recibir, manter e proxectar os herdos recibidos (os patrimonios xa feitos), senón que teñen o compromiso adicional de crear, de producir e de activar novos patrimonios e de asumir, acompañar e difundir as outras identidades que abrollan nos diferentes colectivos –rurais e urbanos- existentes nunha comarca.

Novos oficios, novas industrias, novas artesanías –sen abeirar o que fica vivo aínda do vello– e, por suposto, a súa memoria, novas iniciativas, novas estratexías e novos comportamentos precisan de portas e fiestras abertas no Museo.

O Museo da Limia é sabedor de todo isto e asume os desafíos conseguintes para abrir o seu horizonte cultural á complexidade da sociedade de hoxe e tamén observa as eivas que camiñan asociadas ó presente e ó porvir. O premio Pedra Alta lembra un fito no horizonte, signo dos tempos idos e mirador dos tempos chegados, e conleva o simbolismo de que un fito é un linde e tamén un tránsito. Desta maneira entendeuse que unha entidade da sociedade civil como LIMISI representa esa visión que enguedella o social co cultural, pois as persoas coas que traballa LIMISI comparten a identidade Limiá coas propias da súa diversidade como individualidades e como colectivos. Os museos son espazos de comunicación e o que LIMISI fai é tamén un labor de integración e de comunicación entre os que se beneficián do seu traballo. A comunicación é un acto cultural que produce valores patrimoniais. Da mesma maneira o CDR O Viso, de Lodoselo, –premiado na edición anterior– desenvolve noutro ámbito unha actividade que encaixa nesta visión que o Museo da Limia asume e recoñece.

Na presente edición do Premio Pedra Alta, o Museo da Limia apreciou semellantes valores e observou significados sociais e culturais afíns na entidade LIMISI, mostra exemplar do bo facer da sociedade civil na nosa comarca.

Xosé Carlos Sierra,  Membro do Consello Asesor do Museo da Limia

Artigos relacionados

Back to top button