CulturaCulturaEntroido 2021Última hora

O Museo de Verín recibe unha antiga Mázcara da Xironda restaurada

Foi obxecto dunha intervención "moi conservadora co fin de garantir a súa preservación", segundo indican dende o museo, que estima que ten máis de cen anos

A concelleira de Cultura de Verín e o alcalde, sostendo esta Mázcara tras ser recibida no Museo Claustro Mercedario./ Foto: Museo Claustro Mercedario de Verín.

 

O Museo Claustro Mercedario de Verín vén de recibir unha Mázcara da Xironda (Cualedro), “nai de moitos dos deseños das figuras do Entroido do Val de Monterrei, logo dun proceso de restauración, centrado basicamente na súa consolidación e conservación. Estímase que esta ancestral Mázcara supera o século de historia, e xa está custodiada de novo no Museo da Mercede, onde está cedida temporalmente pola familia de Domingos Coello”, tal e como se informa dende esta institución cultural.

A Mázcara, que presentaba danos polo uso e o paso do tempo, principalmente óxido e sequidade dos elementos orgánicos -pel-, foi obxecto dunha restauración moi conservadora co fin de garantir a súa preservación. A intervención consistiu na retirada da suciedade superficial, a rehidratación dos soportes de madeira e pel, e a neutralización do óxido da folla de lata na que está executada a mitra, segundo informa o museo verinés.

 

 

A peza, que mide 52 centímetros de alto e 38 e ancho, consta dun reverso de pel curtida sen pelaxe, remendada con catro parches de liño. “Malia que o seu estado xeral de conservación era moi bo, estaba moi seca e presenta gretas e engurras profundas, ademais de diferentes cosidos, así como oxidación na folla de lata”, aseguran dende o museo.

Dende o Concello de Verín, especialmente neste anómalo ano de Entroido “en pause” pola pandemia, lembran a importancia da adecuada conservación dos elementos patrimoniais máis importantes da nosa tradición, tanto material como inmaterial, para os seu traslado ás vindeiras xeracións, e anima a todos os que estean en posesión de elementos arcaicos a que os poñan en coñecemento do Museo para a súa catalogación e, se cabe, restauración.

 

Artigos relacionados

Back to top button