ConcellosParada de SilÚltima hora

O Museo do Chocolate de Teimende (Parada de Sil) incorpora un consello asesor

Vén a documentar a cooperación existente entre o Concello e a familia Casares dende o momento en que se xestou a iniciativa

 

O Concello de Parada de Sil vén de constituír o consello asesor do Museo do Chocolate de Teimende, integrado por cinco membros, dos que dous serán representantes do propio Concello (o alcalde e o concelleiro con responsabilidades na materia), dous membros da familia cesionaria das instalacións e maquinaria da Casa Museo, ou as persoas en quenes as partes deleguen se o considerasen oportuno, xunto con Delfín Caseiro como representante externo.

O consello vén a documentar a cooperación existente entre o Concello e a familia Casares dende o momento en que se xestou a iniciativa. Para elo foi incluído nun protocolo de colaboración entre as dúas partes ao abeiro do artigo 47 da Lei 40/2015, de réxime xurídico do sector público.

Tal como explican dende o Concello de Parada de Sil, o documento recolle as canles de colaboración para a conservación, funcionamento e promoción da Casa Museo do Chocolate. Para facilitar este labor, engádese un anexo que inclúe un inventario de existencias aportadas pola familia e polo propio Concello.

Segundo o alcalde, Aquilino Domínguez, “coa sinatura deste documento dámoslle forma á forma de funcionamento ao que xa se viña facendo dende a inauguración do museo. O que vimos agora é establecer documentalmente o marco de colaboración e crear o consello asesor para compartir aportacións e suxestións que se poideran rexistrar no futuro”. Engade o rexidor que “co tempo transcurrido, sentímonos orgullosos da evolución do Museo, convertido xa nun referente da oferta turística de Parada de Sil”.

A Casa Museo do Chocolate de Teimende foi inaugurada en 2015, na que fora a fábrica de chocolate da familia Casares, fundada e xestionada pola familia Casares durante máis dun século e cuxo último referente foi Ricardo Casares, falecido en 2008. Despois de permanecer pechada varios anos, as herdeiras cederon ó concello as instalacións e a maquinaria ó concello para crear o único museo do chocolate de Galicia. Cada ano recibe case catro mil visitantes procedentes dos puntos máis dispares da xeografía galega, española e outros países estranxeiros.

 

Artigos relacionados

Back to top button