ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

O novo Parque de Bombeiros do Carballiño garantirá a seguridade de 23 concellos

Este parque é o cuarto da provincia xunto co do Barco, Verín e Xinzo de Limia

O novo Parque de Bombeiros Comarcal do Carballiño está dende hoxe, 1 de xuño, ás 20:30 horas operativo para garantir a seguridade de 23 concellos. Este parque súmase aos que xa están operativos na provincia: O Barco de Valdeorras, Verín e Xinzo de Limia.

Nesta inauguración estiveron presentes diferentes personalidades políticas entre as que hai que salientar ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o presidente da Deputación, Manuel Baltar; o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; o delegado do Goberno en Galicia, Roberto Castro e o subdelegado do Goberno en Ourense, Santiago Villanueva, entre outros. Todos eles foron recibidos por case a vintena de operarios bombeiros que traballarán nesta nova instalación de Emerxencias.

Tras a recepción, fixeron descuberta dunha placa que rezaba a frase seguinte: “Das galegas e galegos de hoxe para a Galicia de mañá”. Os encargados de descubrila foron, tras un pequeno exercizo de cortesía de “non por favor tu”, foron o presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. Logo dos actos institucionais, o grupo de personalidades visitou estas novas instalacións.

Este novo parque comarcal está equipado coa última tecnoloxía. Nada máis entrar, hai unha sala de comunicacións onde reciben “todas as comunicacións das emerxencias e onde se xestiona a radio de comunicacións”, explicaba o representante da empresa concesionaria que xestiona a instalación. Tras iso, no piso superior, atópase o despacho do xerente, a sala de xuntas e os servizos, así como a famosa barra pola que se deslizan os bombeiros en caso de emerxencia. Pero tamén está a parte que menos se coñece: os dormitorios e a cociña-salón. “Hai que ter en conta que hai quendas de 24 horas e os operarios van pasar moito tempo aquí, e por iso hai que dotar á instalación de certas comodidades”. Os dous dormitorios contan con catro camas cada un e o salón-cociña está equipado con todo o necesario para preparar a comida, televisión, sofás…

O acto rematou coas intervencións dos representantes políticos. O primeiro en falar foi o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, que salientou que a administración que dirixe estivo sempre “disposta a apoiar ás iniciativas que son a favor da xente”. Asemade, recalcou que ogallá que “as case 20 familias que van vivir disto veñan vivir ao Carballiño e aumenten o censo”. Pola súa banda, o presidente do Consorcio Provincial de Seguridade, Pablo Pérez, reiterou que a apertura deste parque é “un deber cumprido co compromisio adquirido”, salientando que os bomeiros son “a alma deste servizo”.

Asemade, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, resaltou que coa incorporación deste novo parque de bombeiros a provincia gañará en “efectividade e eficiencia” en materia de emerxencias e engadiu que “agora mesmo o 90% dos concellos da provincia están amenos de 20 minutos dun parque de bombeiros”. Tanto Francisco Fumega como Manuel Baltar e Alfonso Rueda salientaron que este novo parque é “froito da colaboración institucional”. Rueda non quixo pasar a ocasión para lembrar que “os camións que están aquí roldan os 600.000 euros” pero asegurou que “ogallá non haia que usalos por moito tempo”.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button