ConcellosQuirogaÚltima hora

O paleontólogo Juan C. Gutiérrez doa unha importante colección de minerais ao Museo Xeolóxico de Quiroga

 

O paleontólogo Juan Carlos Gutiérrez Marco, membro do Comité Científico do Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel, vén de facer unha doazón dunha importante colección de minerais ao Museo Xeolóxico de Quiroga. Trátase de máis de 100 mostras espectaculares de minerais procedentes de todo o mundo e de varios fósiles seleccionados por el mesmo ao longo da súa vida.

Entre as pezas, todas de diferentes cores e formas, atópanse piritas, granates, mica, cuarzo, diamantes, aragonito ou xeso, procedentes de diferentes partes do planeta (Perú, Australia, China, …). O alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, recollía a doazón en nome do Xeoparque Montañas do Courel e expresaba a súa satisfacción por que veciños e visitantes poidan gozar “a partir de agora destas marabillas que agocha a natureza e que normalmente permanecen ocultas”. Indicou tamén que o Museo de Quiroga adaptará o seu espazo para poder amosalas aos seus visitantes en canto sexa posible.

Pero esta non é a primeira doazón que Gutierrez Marco fai a este museo quirogués. Durante o pasado ano, o Museo Xeolóxico de Quiroga, puxo en marcha unha XeoBiblioteca, composta sobre todo por libros e coleccións de revistas que Gutiérrez Marco foi proporcionando ao longo destes anos de colaboración e apoio ao Xeoparque, procedente de compañeiros e amigos que llas foron cedendo. Esta iniciativa, que tivo certa repercusión, xa despertou o interese de varios profesores galegos que cederon tamén algunhas publicacións para esta biblioteca.

O paleontólogo Juan Carlos Gutiérrez Marco sempre estivo vinculado co Xeoparque Montañas do Courel. Un artigo seu publicado no ano 2002 na prensa foi o que propiciou que se reavivara o interese polo sinclinal deitado das Montañas do Courel e se construíra un miradoiro no ano 2003 nas inmediacións da aldea de Campodola. “Dende entón Gutiérrez Marco sempre estivo presente, e moi pendente da actividade que ía desenvolvendo o GDR Ribeira Sacra relacionada coa xeoloxía e a palentoloxía, e apoiou e prestou asesoramento técnico para o impulso da estratexia que levaría ao recoñecemento das Montañas do Courel como Xeoparque Mundial da UNESCO”, destacan dende o Concello de Quiroga.

Foto: Concello de Quiroga.

Artigos relacionados

Back to top button