SanidadeÚltima hora

O CEIP de Castrelo de Miño, un centro comprometido coa doazón e cos transplantes

Este colexio suma cinco premios noutras tantas edicións do Concurso de carteis para escolares sobre a doazón e os transplantes, que convoca a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue de Galicia

 

A constancia e compromiso coa Doazón e Transplantes dos 35 alumnos e alumnas do CEIP de Castrelo de Miño fai que atesouren un récord. Así vén de sumar cinco premios en cinco edicións do V Concurso de carteis para escolares sobre a doazón e os transplantes, que convoca a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue de Galicia (ADOS), no que este ano competiron con 736 estudantes de centros educativos de toda Galicia

A Ágora do Hospital Universitario de Ourense, na pranta principal do edificio de hospitalización, acolle desde hoxe a exposición itinerante organizada por @ADROVI que recolle unha escolma dos traballos presentados a esta quinta edición.

Á inauguración da mostra asistía a gañadora do segundo premio, Greta Abella Álvarez do CEIP Castrelo de Miño, de 12 anos, autora do traballo “Transplanta vida. Doa” e a súa profesora Mavi Álvarez, xa unha referente neste concurso, comprometida coa necesidade de concienciar sobre este xesto solidario e por elo cómplice estimulando a participación dos seus alumnos.

 

 

Para agradecer o seu esforzo e o de Celso García Estevez, presidente de Adrovi, á Asociación de Doantes e Receptores de Órganos de Vigo, que leva por toda Galicia os traballos dos escolares, á inaguración e entrega de premios asistiron a directora de soporte da Área Sanitaria de Ourense, Mar Vélez, e o responsable de Coordinación de Transplantes en Ourense, o ucista Jesús Priego.

Concienciar aos escolares

Este certame, destinado a alumnos de 5º e 6º de primaria e de 1º e 2º da ESO, ten por obxectivo achegar a realidade dos transplantes á poboación escolar. Igualmente, Adrovi ten por obxectivo velar pola calidade de vida das persoas que están á espera dun transplante, ás que o recibiron e a súa contorna social, así como a promoción da doazón, acto solidario que permite salvar vidas.

Con esta exposición itinerante, Adrovi colabora coa Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) difundindo os traballos premiados nas distintas edicións do concurso de carteis para escolares, que a axencia responsable da coordinación autonómica de trasplantes organiza cada ano, para concienciar a comunidade escolar da importancia da doazón.

A solidariedade e compromiso coa doazón permitiron “Nos últimos cinco anos aumentar o número de doantes de órganos en Ourense, pasando de 3 en 2018 e 2 en 2019, a 7 en 2020 e 11 en 2021 e 2022”, agradeceu Jesús Priego, coordinador do equipo de Transplantes da área sanitaria, que destacou que o Hospital Universitario de Ourense é xa o cuarto hospital de Galicia en número de doantes, tras os de Santiago, A Coruña e Vigo.

Así, en 2022, aínda saíndo dunha longa pandemia, en Ourense once persoas e as súas familias, por medio dos equipos sanitarios da Unidade de Coordinación de Transplantes do Hospital Universitario, fixeron posible un dos actos máis solidarios e altruístas, dicindo si á doazón, e repartindo vida a 42 persoas que se beneficiaron dun transplante de órganos.

Artigos relacionados

Back to top button