Co Venres de Dores, o 31 de marzo, abrirase o programa da Semana Santa 2023 do Barco. Será cunha misa ás 20h. na igrexa de San Mauro, seguida dun concerto do Orfeón Valdeorrés. Ao día seguinte, 1 de abril, ás 18h. por vez primeira tres pasos infantís do Barco participarán na procesión infantil da Basílica da Encina en Ponferrada. E, ás 20h. terá lugar a Misa da Confraría en San Mauro, que incluirá o pregón da Semana Santa, que nesta ocasión correrá a cargo de Juan José Prieto, párroco de Sobradelo e arcipreste de Galicia.
“Pensamos que é un xesto obrigado e cariñoso a un compañeiro sacerdote que leva tantos anos traballando na zona, cunha longa traxectoria tamén no ensino e que ademais apostou pola recuperación do patrimonio artístico das súas parroquias”, comentaba o párroco do Barco, Jesús Álvarez, durante a presentación do programa da Semana Santa na vila, que tiña lugar esta mañá.
Ademais adiantaba que outra das novidades desta edición será o Luns Santo ás 20h. a procesión do Santo Cristo da Paz (policromado e que vén de ser restaurado este ano) que será portado a ombros nunha pequena procesión nas proximidades da igrexa de Santa Rita, na que se contará co acompañamento musical do grupo de Tambores da Parroquia de Viana do Bolo.
A Semana Santa barquense manterá cultos tradicionais como a procesión do Domingo de Ramos coa “Borriquilla”, a do Santo Cristo dos Ferroviarios o Mércores Santo, a Procesión do Silencio do Xoves Santo, a procesión do Santo Enterro no Venres Santo ou a procesión de Resurreción no Domingo de Pascua, coas imaxes da Virxe de Gloria e do Resucitado, tamén restauradas.
O párroco do Barco agradecía o apoio ás empresas colaboradoras nos actos, que figuran no programa, e tamén explicaba que a portada do mesmo recolle un detalle dos pés do Cristo da Paz da igrexa de Santa Rita, co fondo das vidreiras deste templo, mentres que a contraportada está dedicada ao Nazareno.