O actual grupo de goberno do Concello de O Bolo, formado por concelleiros do PSdeG-PSOE e de Somos O Bolo, vén de emitir unha nota de prensa aclaratoria en resposta ao comunicado feito público o 17 de outubro polo PP deste municipio con respecto á reconstrución da Ponte de Barxa.
“Desde o inicio desta lexislatura, un dos nosos compromisos principais foi a reparación da Ponte de Barxa, que leva cinco anos destruída. É importante lembrar que, durante eses anos, o anterior Goberno, coa maioría absoluta do Partido Popular, non moveu nin un só papel para avanzar na solución deste problema. Non houbo ningunha acción administrativa nin se impulsou ningún trámite para a reconstrución de dita infraestrutura. En canto ás afirmacións sobre unha negociación de 2021, é fundamental que se informen ben: o documento relacionado con esa suposta negociación non foi asinado nin polo anterior Goberno do Partido Popular nin por ningunha das partes involucradas. Este suposto acordo, por tanto, nunca chegou a concretarse en ningún avance real, o que significa que, durante eses anos non se moveu ningún expediente para abordar a reconstrución da Ponte de Barxa. Este grupo de goberno tivo que comezar todo o proceso burocrático desde cero. Se as xestións se realizaran no seu momento, como debía ser, aforraríanse uns miles de euros. A falta de acción e o deixamento durante todos estes anos en resolver unha situación que requiriría atención inmediata, provocou os sobrecustos”.
Por outra banda, o grupo de goberno boles indica no seu comunicado que “desde o primeiro momento, o Concello traballou para que as partes responsables do proxecto asuman a maior parte do custo da reconstrución. Grazas á presentación adecuada do proxecto, logramos que tanto a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e a Deputaciónde Ourense decidan colaborar e apoiar. É necesario que o Partido Popular do Bolo informe mellor antes de facer afirmacións. Desde o primeiro momento, este Goberno presentou o proxecto á Deputaciónde Ourense e mantivo consultas directas para coordinar o financiamento que correspondería asumir ó Concello. De feito, agradecemos profundamente a decisión final da Deputación de Ourense de colaborar e apoiar ó Concello nesta iniciativa, o que facilitará a execución do Proxecto e aliviará a carga financeira do municipiodo Bolo”.
Finalmente, o PSdeG-PSOE do Bolo e Somos O Bolo confían en que “esta aclaración sirva para ofrecer unha visión máis precisa da situación e reafirmamos o noso compromiso co benestar e desenvolvemento do Concello de O Bolo. Seguiremos traballando con total transparencia e responsabilidade para que a reconstrución da Ponte de Barxa avance da mellor maneira posible, sempre defendendo os intereses dos nosos veciños e asegurando que as Administracións correspondentes asuman a parte que lles corresponde neste proxecto. Manterémonos atentos a calquera outra información que poida xurdir, e estaremos sempre dispostos a dialogar e a traballar de maneira conxunta con todasas partes implicadas para o beneficio do noso Concello”.