En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Jesús Rodríguez, invencible no Descenso do Sil

A primeira embarcación barquense en entrar en meta era o K-2 sénior de Bernardo Sánchez e Sergio Ruiz, que lograba a segunda posición da cita

Está claro que é a súa proba. A máis importante para el e na que, tal e como vén demostrando dende hai moito tempo, é invencible. O padexeiro do Fluvial Barco Jesús Rodríguez León vén de facerse coa súa 17ª vitoria no Descenso do Sil na tarde do 15 de setembro. Así o comentaba con gran satisfacción e recuperándose aínda do esforzo da competición pouco despois de cruzar a liña de meta en K-1 sénior, no Malecón do Barco. “Tiña ao segundo moi cerca, pero cando pasei o Cachón e vin como ía, xa sabía que chegaría primeiro”, comentaba.

A segunda das embarcacións en chegar a meta era o K-2 sénior do Fluvial Barco, formado por Bernardo Sánchez e Sergio Ruiz. A partires de aí seguían chegando máis valdeorreses como era o caso do K-2 veterano de Miguel Anxo Fernández e Roberto Núñez, que se facía coa segunda posición nesta categoría. Non eran os únicos podios dun Fluvial Barco cunha ampla representación nun dos Descensos do Sil con maior participación da súa historia.

Entre os que chegaban á meta estaba tamén o K-1 veterano do barquense Fernando García Viso, que cumpre xa 35 edicións facendo este descenso. A el adicabáselle o cartel deste ano da proba. Por motivos de saúde, tiña dúbidas de se podería baixar ou non, pero finalmente puido cumprir coa tradición e sumar un ano máis nesta proba.

Fotos: A.R.

Máis información e fotos:
https://osil.info/o-descenso-do-sil-conquista-ao-publico/
https://osil.info/jesus-rodriguez-protagonista-da-entrega-de-premios-do-52o-descenso-do-sil/
https://osil.info/o-tren-fluvial-do-descenso-do-sil-enchese-na-estacion-do-barco/

Artigos relacionados

Back to top button