DeportesEn portadaPiraguismoÚltima hora

O piragüista valdeorrés Adrián Prada, coa selección española no europeo de maratón sénior

Esta proba internacional terá lugar en en Slavonski Brod (Croacia) a mediados de xullo

 

O valdeorrés Adrián Prada Pérez (Club Piragüismo Rías Baixas-Boiro) vén de ser convocado para formar parte da selección española sénior, que competirá entre o 13 e o 16 de xullo no Campionato de Europa de Maratón en Slavonski Brod (Croacia). A Real Federación Española de Piragüismo tiña en conta os destacados resultados deste barquense no nacional sénior de maratón, disputado o 17 de xuño en Banyoles.

Así Adrián Prada lograba unha cuarta posición en K-1 sénior na distancia de 29.800 metros, cun rexistro de 02:11:26,42. Ademais quedaba quinto no maratón curto (3.000 m) cun tempo de 00:14:07,98, cunha axustada diferenza cos anteriores clasificados.
Tamén se clasificaba quinto na categoría de K-2 na proba de 29.800 m, compartindo barco con Joaquín Iglesias Rodríguez, cun crono de 02:04:50,13.

Deste xeito o valdeorrés afronta con ilusión esta cita internacional, que era ademais un dos obxectivos nesta tempada. Da selección forman parte outros 17 padexeiros, algúns deles tamén galegos como o seu compañeiro de club e amigo Joaquín Iglesias ou como Iván Lage (C.P. As Torres Romaría Vikinga de Catoira). Prada Pérez está convocado, segundo a listaxe feita pública pola federación, para competir en categoría K-1 sénior.

Este valdeorrés ten xa experiencia noutras probas internacionais, pero será a primeira vez que acuda como sénior.

Fotos: Jonás Pravia.

Artigos relacionados

Back to top button