Entre os puntos que resultaban aprobados na sesión plenaria do Barco deste 6 de xuño figuraba unha declaración institucional presentada polos tres grupos políticos con representación nesta Corporación (PSdeG, PP e BNG) para darlle visibilidade á “necesidade de cobertura das prazas de pediatría de Atención Primaria no Distrito Sanitario do Barco”.
Esta declaración tiña como base un texto presentado na sesión plenaria de maio por parte de representantes dun colectivo de mais e pais do municipio, que ademais lían, facendo uso do regulamento de participación cidadá. Explicaban que “o Centro de Saúde do Barco de Valdeorras conta cun único pediatra, permanecendo unha das dúas vacantes das que dispón sen cubrir. Este profesional debe prestar atención a un número moi elevado de nenos e nenas, recibindo usuarios e doentes procedentes dunha extensión xeográfica moi ampla, con grande dispersión xeográfica, polo que se magnifica o problema. A isto hai que sumarlle que está previsto que o devandito pediatra se xubile en datas próximas, polo que a preocupación é aínda maior, ante a posibilidade real de que os nenos e nenas queden sen asistencia sanitaria levada a cabo por un profesional especialista. Grazas aos esforzos realizados dende a Xerencia de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, este servizo está sendo apoiado por FEA Pediatras desprazados desde Atención Especializada e Médicos de Atención Primaria con diploma en puericultura como medida provisional”.
O texto da declaración, ao que daba lectura o alcalde do Barco, Alfredo García, concluía con oito propostas concretas, entre elas “favorecer e apoiar a negociación necesaria co Sergas e Consellería de Sanidade para que se axilicen os procesos de selección de persoal, evitando a dilatación no tempo da falta de cobertura das prazas de Pediatra de Atención Primaria”, “prestar total apoio, por parte de tódolos grupos municipais”, ademais de buscar “a unión de todos os Concellos afectados por este problema, de xeito que todos se comprometan e realicen xuntos un esforzo real por palialo”. Outras propostas incluídas son “facilitar a chegada de profesionais, presentando publicamente a nosa comarca como un bo destino para exercer a medicina de atención primaria”.
Nesta mesma sesión plenaria tamén se presentaba outra declaración institucional asinada polos tres grupos políticos da Corporación de “apoio ao colectivo de afectados pola ELA”. Así mesmo, así adiante (coa abstención do PP) unha moción presentada polo partido socialista e relativa “á solidariedade co pobo palestino”.
Ademais resultaban aprobadas a moción do BNG, defendida polo seu voceiro municipal Manuel Agra, para pedir a retransmisión en directo das sesións plenarias no Barco, e outra presentada polo voceiro municipal do PP, Antonio Melo, para solicitar unha etapa da Volta Ciclista a Galicia con inicio ou fin de etapa no Barco.