Entre os asuntos abordados na orde do día da sesión plenaria celebrada na tarde do 5 de setembro figuraba unha moción do partido socialista relativa ao canon de Sogama, pedindo que se manteña o “actual canon por tonelada de residuos xestionada que pagan os concellos a Sogama e avanzar cara novas fórmulas de xestión de residuos máis respectuosas co medio ambiente”, tal e como sinalaba na exposición da moción o voceiro socialista, Aurentino Alonso. Resultaba aprobada por 12 votos a favor (PSOE e BNG) e coa abstención do PP.
A moción plantexáballe ao pleno municipal un acordo de tres puntos: “rexeitar a suba do canon que pagamos os concellos galegos a Sogama pola xestión do lixo”, que o “Concello do Barco de Valdeorras inste á Xunta a manter o canon actual de 66 euros por tonelada de residuos domésticos xestionada, máis o correspondente IVE, ademais de salvagardar a actual bonificación do 15% deste canon unitario, cos mesmos requisitos que rexeron até o de agora, resultando así un canon bonificado de 56,10 euros por cada tonelada de residuos domésticos xestionada, máis o correspondente IVE” e que tamén inste á Xunta “á implantación de medidas urxentes para avanzar cara unha xestión descentralizada dos residuos, coa creación de plantas de proximidade, privilexiando a redución e a reciclaxe fronte á incineración e o depósito en vertedoiro”.
Ademais Alonso detallaba o que vai supor para os concellos a suba deste canon poñen como exemplo os datos deste municipio. “No 2023 pagáronse 250.000 euros a Sogama, neste 2024 se se aplica o anunciado sería un 42% máis de custo, é dicir, 356.475 euros, e no 2025 chegaríase aos 490.914 euros, un 95% máis que no 2023”.
Na quenda de intervencións, que abría o BNG, o seu voceiro, Manuel Agra, amosaba o respaldo do seu grupo á iniciativa. “O modelo de Sogama é obsoleto, centralizado e antiecolóxico como demostra o feito de que Galiza se sitúe á cola de reciclaxe, lonxe aínda dos criterios que marca Europa e somos a segunda peor comunidade do Estado en cifras de reciclaxe”, neste senso, o “dende o BNG avogamos pola creación dunha comisión de traballo entre Sogama, as consellerías de Medio Ambiente e Facenda e a Fegamp para determinar as condicións do canon para 2025 antes da aprobación do proxectos de orzamentos da comunidade autónoma para ese ano e para debater sobre o cambio de xestión de residuos en Galiza. Nós tamén tiñamos unha moción sobre Sogama, pero para non ocupar moito espazo no pleno pois non a presentamos, pero imos votar a favor”.
Por parte do PP, o seu portavoz, Antonio Melo anunciaba a abstención do seu grupo “non porque queiramos que suban os impostos, porque no nos gusta que suban os impostos nin Sogama nin o Concello, nin o Estado… pero esta moción presentada con 24 horas dá moi pouco tempo a informarte ben, polo que me puiden enteirar esta suba vén producida por uns impostos por vertidos e incineración e por outros impostos, entón pensamos que habería que empezar pola raíz e solicitar ao goberno e España que se retiraran estes impostos e despois actuar sobre Sogama para que non os poñan”. O alcalde do Barco, Alfredo García respostaba que “o imposto do goberno central transfírese despois á Xunta” e amosábase de acordo co BNG en crear unha comisión para abordar o tema.
Outra moción que resultaba aprobada era á relativa á situación dos conservatorios galegos que dependen dos Concellos, que defendía o concelleiro o BNG, Manuel Agra. “En Galiza existe unha rede de Conservatorios con ensinanzas especiais no ámbito musical regradas e que as competencias son asumidas polos concellos onde se atopan situados, aínda tendo alumnado que reside nos concellos próximos ou incluso de vilas onde os conservatorios da Xunta se atopan sen prazas vacantes dos instrumentos escollidos polas estudantes. Amais temos centros que reciben estudantes do país veciño, Portugal”.
Eses conservatorios son un total de 23 e entre eles figura o do Barco e “deben asumir a xestión e o custo practicamente completo dos centros educativos de Música, con titulación oficial e regrada, no Grao Profesional e que dependen directamente da Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e FP”. Neste senso, o acordo da moción, que resultaba aprobada cos votos do BNG e do PSdeG-PSOE, incluía que o Concello do Barco instará á Xunta a “asumir por parte da Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e FP, as seguintes accións: asumir as súa competencia con respecto aos Conservatorios con titulacións oficiais, xestionar e custear o servizo educativo na súa totalidade: mantemento, dotacións, materiais educativos e instrumentos, persoal docente e non docente”; e “en tanto planifican asumir a competencia dos conservatorios municipais galegos, convocar axudas aos concellos que cubran os custos da súa xestión, colaborar na substitución ou cobertura de prazas vacantes do persoal docente mediante as listaxes da Consellaría de Educación e proporcionar as ferramentas informáticas que se precise” e “Crear unha rede de conservatorios profesionais de música, agrupando os centros por comarcas, de acordo a criterios territoriais de proximidade, así como de poboación total”.
Durante as intervencións, o concelleiro do PP, Antonio Melo, apuntaba que estes conservatorios contan con axudas da Xunta e da Deputación, e preguntaba de cantidade se trataba. E a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, comentaba que esta era unha cuestión que xa se levaba tempo demandando. “O problema non é de agora, son reivindicacións moi antigas, non entendemos como dos 30 concellos con conservatorio que hai en Galicia, 7, que coinciden cos das grandes cidades, dependen da Xunta”. E lembraba as diferentes demandas e logros acadados nestes anos, en cuestión de financiamento, pero sen conseguir que a Xunta asumise eses conservatorios municipais. E en resposta á pregunta de Melo concretaba que o do Barco, cun orzamento “duns 370.000 euros”, recibe unha subvención de 25.000 euros da Xunta e outra de 40.000 euros da Deputación de Ourense.
Rexeitada a moción do BNG sobre mellorar o acceso da cidadanía ás novas tecnoloxías
Por contra, resultaba rexeitada a moción presentada polo BNG con medidas para facilitar o acceso dos barquenses á tecnoloxía e con tres puntos no seu acordo: “o acceso automatizado á sala CeMit do segundo piso do edificio multiusos (de 9 AM a 3 PM)”, para acceder “ás pistas deportivas, proporcionar unha app móbil para poder reservar a pista por data/hora e crear unha web específica para Deportes e outra para Cultura, dentro do dominio concellodobarco.gal”. A iniciativa era defendida polo edil nacionalista Xavier Rocha.
O PP expresaba o seu apoio á moción a través da concelleira Maite Estevez, en cambio o concelleiro socialista Aurentino Alonso matizaba que o seu grupo apoiaba dous dos tres puntos da moción, en concreto rexeitaba o relativo á aula Cemit, por considerar que a biblioteca xa permite ese acceso aos ordenadores. O concelleiro nacionalista non aceptaba que a moción se votase por puntos, quedando por tanto rexeitada polos votos socialistas.
Neste pleno tamén resultaban aprobadas unha modificación do orzamento do Concello mediante suplemento de crédito e unha bonificación do 75% na cota do ICIO en obras de rehabilitación dunha vivenda en Camiño de Cestalas.
Fotos: O SIL.