CulturaCulturaÚltima hora

O poeta berciano Juan Carlos Mestre presenta o seu primeiro libro en galego: “200 gramos de patacas tristes”

Será o vindeiro sábado 12 de outubro ás 20h. na súa localidade natal, Vilafranca

O poeta Juan Carlos Mestre, durante unha actuación no Barco./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

A voz poética de Juan Carlos Mestre (Vilafranca do Bierzo, León, 1957) conecta no seu novo libro coa súa lingua familiar: o galego. O vindeiro sábado 12 de outubro este recoñecido poeta e artista visual, que recibía o Premio Nacional de Poesía 2009 por “La Casa roja” (Calambur, 2008), presentará o poemario “200 gramos de patacas tristes” (Espiral Maior. Colección Alba Longa) na súa localidade natal, Vilafranca do Bierzo (León).

A elección desta lingua leva ao autor “na procura da súa identidade a través dunha galería de personaxes e paisaxes que beben das fontes dun poeta maduro que se incorpora ao mundo literario en galego con pleno dereito, enriquecéndoo co poder que caracteriza ás súas imaxes cunha prosa lírica fértil, comprometida e sorprendente”, tal e como se destaca dende a organización da presentación, que terá lugar ás 20h. no Teatro Vilafranquino.

 

 

Neste acto, Mestre estará acompañado polo seu editor, Miguel Anxo Fernán Vello; polo escritor, catedrático de literatura e presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; ademais de polas voces (en diferido) do destacado escritor galego X.L. Méndez Ferrín e da poeta Alba Cid.

Intervirán ademais os bercianos Abel López Molanes, que presentou un estudo crítico da obra do autor tomando como punto de partida os “200 gramos de patacas tristes”, e Héctor Silveiro, académico correspondente polo Bierzo na Academia Galega.

A coordinación deste evento corre a cargo de Sara Ortiz (directora da Compañía de Teatro Voladores) e no seu decurso proxectaranse varios audiovisuais do fotógrafo vilafranquino J. A. Robés. O acto conta coa colaboracion do Concello de Vilafranca do Bierzo, ademais da Editorial Espiral Maior.

Artigos relacionados

Back to top button