PolíticaÚltima hora

O PP do Barco asegura que o arranxo da N-120 “non é unha prioridade, é unha necesidade”

O grupo municipal popular considera "un desprezo" do grupo de goberno aos valdeorreses o seu voto en contra á moción que presentaba onde no pleno, na que pedían un plan inmediato de conservación e mantemento para esta estrada e a licitación dos carrís de adiantamento dende O Peares/ Alto da Guítara ata Ourense

 

No mediodía deste 12 de decembro o PP do Barco convocaba aos medios de comunicación para valorar o rexeitamento da moción que presentaban onde no pleno municipal sobre a necesidade dun un plan integral de mantemento da estrada N-120 e que, tamén, para se solicitase ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible a licitación no primeiro semestre deste ano das obras de construción dos novos carrís de adiantamento nesta estrada dende Os Peares/Alto da Guítara ata Ourense. Unha moción que non saía adiante ao votar en contra os nove edís do grupo de goberno socialista, fronte aos 8 votos a favor do PP e do BNG.

O PP do Barco ve ese voto en contra dos socialistas como “un desprezo de Alfredo García, non só aos barquenses, senón aos valdeorreses en xeral. Quen debería gobernar por e para os barquenses opúxose a esta moción. Uunha hora antes do pleno, o concelleiro Aurentino Alonso púxose en contacto con nós  fin de modificar a moción, alegando un suposto defecto de forma. O pasado luns este grupo rexistrou a moción e consideramos que o que pedimos nela é o que Valdeorras necesita, que non é outra cousa que unhas comunicacións dignas”, dicía Inmaculada Rodríguez García, secretaria da Xunta Local do PP. Ademais, lembraba que, tendo sido Alfredo García representante da plataforma porA-76 e N-120, “esperábamos do seu grupo municipal coherencia coas súas declaracións cando outro partido gobernaba en España. O actual goberno leva case 6 anos e, neste tempo, só vivimos o constante deterioro das estradas e o silencio do que deería ser o alcalde dos barquenses, non o alcalde do PSOE”.

 

 

Na rolda de prensa tamén interviña o voceiro municipal do PP no Barco, Manuel Núñez “Noli”, quen incidía en que “xa non é que a N-120 sexa unha prioridade, é unha necesidade. Aos que nos toca viaxar habitualmente á capital parécenos inhumano, os nosos vehículos non van resistir como está a estrada e os accidentes o risco que supón para as persoas non se pode tolerar. O tramo dos Peares é instransitable, o mesmo que o de Quiroga, e a zona de Valdeorras, os que vivimos aquí sabemos que cada día está peor”.

E apuntaba que “cando gobernaba o PP en Madrid aquí pelexouse moito por parte de todo o mundo, incluso teño que mencionar a Santiago Melo, que en paz descanse, un compañeiro que como presidente da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA), loitou a brazo partido pola recuperación desta estrada e, dende aquel entón, como cambiaron as cousas, parece ser que non preocupa tanto o arranxo da estrada. Onte o partido socialista fixo unhas afirmacións para unicamente xustificar á súa propia inacción, lembrando a Mariano Rajoy. Pois, señores, levan vostedes seis anos gobernando en España e 24 anos gobernando no Barco, que importa onde está agora Mariano Rajoy, o que non pode ser é que os socialistas sigan vivindo do “e ti máis”. Valdeorras necesita que a N-120 sexa unha realidade e xa non imos dicir a A-76, que coa estratexia que ten sempre o partido socialista de pedir informes, que era o que pretendían onte, e esta é a xustificación que ten o político para retrasar as obras e isto era o que querían meternos onde pola porta de atrás na nosa moción, por iso nós negámonos a cambiar o fondo da moción, que era o arranxo da N-120″.

 

 

Finalmente, os populares lembraban tamén que no pleno ordinario de decembro tamén era rexeitada outra moción súa para a construción dun heliporto para emerxencias, “pois consideramos que o estadio de Calabagueiros non cumpre os mínimos a tal efecto. O partido socialista alegou que xa había heliporto e que o Concello non ía correr con ese gasto. Se este goberno fixera o seu traballo sabería que dito heliporto constrúeo a Xunta de Galicia, correndo esta con todos os gastos, tendo o Concello unicamente que proporcionar os terreos, e estando a información publicada no DOG. Dende o grupo municipal do PP seguiremos loitando para O Barco volva ter os servizos que necesita, xa que o actual goberno está esgotado e sen ideas”.

Artigos relacionados

Back to top button