ConcellosO BarcoÚltima hora

O PP do Barco levará a pleno a necesidade de eliminar barreiras arquitectónicas na vila

Defenderán unha moción na que, entre outras cuestións, piden o estudo de plans de viabilidade para instalar ramplas nos accesos ás prazas do Príncipe e Lauro Olmo e para instalar ascensores urbanos no paso inferior da rúa Eloy Rodríguez Barrios

Praza do Príncipe do Barco, co fondo das escaleiras que conducen á rúa Marcelino Suárez.

 

No vindeiro pleno do Barco, previsto para o xoves 7 de marzo, o grupo municipal do PP presentará unha moción para pedir a eliminación de barreiras arquitectónicas na vila. Nela os concelleiros populares sinalan que esta vila valdeorresa “ten carencias, a nivel de mobilidade urbana en forma de barreiras arquitectónicas e obstáculos para os seus cidadáns. Pese a ser unha localidade construída sobre unha superficie bastante chaira, a propia orografía, as diferentes construcións e incluso o cambio de necesidades dos cidadáns, fan necesarias actuacións por parte deste Concello a fin de facer máis doada a vida cotiá dos nosos veciños”.

Neste senso o grupo municipal do PP apunta que “o uso de mecanismos que salven barreiras arquitectónicas de certa magnitude ten múltiples vantaxe. Por unha banda, proporciona aos veciños unha accesibilidade universal, ao permitirlles moverse con moita máis comodidade e seguridade por toda a vía pública. Fomenta a inclusión social, xa que, ao proporcionar unha infraestrutura accesible, foméntase a igualdade de oportunidades e redúcese a discriminación baseada na mobilidade”.

Ademais os populares citan exemplos como o das escaleiras que dan acceso dende a rúa Marcelino Suárez tanto á praza do Príncipe como á praza Lauro Olmo, que son “lugares de intensa afluencia diaria. Persoas maiores, cidadáns que empurran carriños de bebé, persoas en cadeiras de rodas, veciños cargados coa compra, etc. son os máis prexudicados. Por outra banda, ditas escaleiras, no inverno vólvense moi esvaradizas, tanto pola súa orientación norte nun tramo, como por estar encaixonado entre edificios o poposto. Isto provocou xa varias caídas de viandantes”.

Outro punto que citan os edís do PP na súa moción son a zona do paso subterráneo entre as rúas Eloi Rodríguez Barrios e a avenida da Deputación, que “conta cunhas escaleiras estreitas e de difícil acceso que son usadas a diario por multitude de veciños que viven na zona norte do casco urbano”.

Neste, senso a moción do PP do Barco conclúe pedindo ao Concello que se habiliten sendas partidas orzamentarias para a instalación das ramplas salva escaleiras e para a instalación dos ascensores para mellorar a mobilidade urbana, así como os estudos dun  “plan de viabilidade para a instalación das ramplas nos accesos á praza do Príncipe e á rúa Lauro Olmo” e doutro plan de viabilidade para “a instalación duns ascensores urbanos no paso inferior sito na rúa Eloy Rodríguez Barrios.

Artigos relacionados

Back to top button