PolíticaÚltima hora

O PP do Barco pedirá no pleno unha etapa da Volta a Galicia con comezo e fin nesta vila

Os populares presentarán unha moción neste senso na sesión ordinaria de xuño destacando o "retorno económico" e a promoción que este tipo de eventos supón

O voceiro municipal do PP do Barco, Antonio Melo, nun pleno anterior./ Foto: A.R.

 

Entre as mocións que se someterán á votación dentro da orde do día do vindeiro pleno ordinario de xuño no Concello do Barco figura unha presentada polo PP para pedir que unha etapa da Volta a Galicia no Barco. “A Federación Galega de Ciclismo organiza desde o ano 2002 a Volta Ciclista a Galicia. Unha competición de catro etapas noutras tantas xornadas reservada aos ciclistas de categoría elite e Sub 23, o último escalafón para os deportistas antes de alcanzar o pelotón profesional. Todos os anos, a Volta Ciclista a Galicia atrae a cada unha das cidades sede de cada etapa por centos de persoas entre deportistas, técnicos, árbitros, seguridade e persoal, que compoñen a organización da proba. Isto supón unha gran responsabilidade pola repercusión que unha boa acollida terá sobre ese colectivo. Os grandes eventos deportivos arrastran unha enorme cantidade de xente, tanto en aspectos organizativos, de loxística, participantes e seguidores. A isto habería que sumar o movemento necesario para a organización en canto a material, visitas previas para recoñecer a etapa e actividades de promoción”, destaca o PP na moción, que asina o o seu voceiro municipal, Antonio Melo.

Así mesmos, os populares apuntan que competicións como “o Descenso do Sil ou a Subida a Valdeorras, a fin de semana que se celebran enchen os hoteis e restaurantes da zona. Todo iso repercute de forma positiva na comarca. A transcendencia de cada etapa da Volta vai máis aló do ámbito deportivo. Trátase dun proxecto de comunidade, de provincia e de cidade que abarca tamén o social e o económico. Estes eventos multitudinarios abren a posibilidade de promocionar os nosos espazos naturais, moitos deles descoñecidos para o público”.

Tamén lembra a moción do PP que a Volta a Galicia é retransmitida “por televisión, radio e por internet en streaming, poñendo nosa vila no mapa deportivo. Todo isto produce un retorno do investimento. Calquera gasto que se xere para que a proba celébrese na nosa localidade, atraerá unha caravana de seguidores que pasarán o día no noso municipio, aumentando o rendemento económico da hostalería, aloxamentos e servizos locais. O custo de traer este evento ao Barco tería un importe de 15.000 euros. Que este evento deportivo teña como comezo e fin de etapa a Vila do Barco, supoñería unha enorme inxección económica á totalidade dos negocios que, dunha ou outra forma veríanse beneficiados”.

Neste senso, o grupo municipal do PP do Barco pide ao final da moción que “o Concello habilite unha partida orzamentaria que cubra os gastos necesarios para conseguir a celebración da proba en nosa Vila. Solicite ante os organismos correspondentes a celebración dunha etapa da Volta Ciclista a Galicia con comezo e fin de etapa na vila”.

Back to top button