PolíticaÚltima hora

O PP do Barco presentará no pleno unha moción para pedir o arranxo de “desperfectos en rúas e beirarrúas”

O grupo municipal popular pedirá "a elaboración dunha memoria e avaliación do estado dos viais barquenses" e a "posta en marcha inmediata dun plan de reparación integral de rúas e beirarrúas" na vila

 

A situación na que se atopan as rúas e beirarrúas da vila do Barco é obxecto dunha moción que o PP do Barco presentará no vindeiro pleno municipal de febreiro, previsto para o día 1.”O Barco sofre un deterioro constante e continuado dende hai anos nas súas infraestruturas e servizos. O aspecto xeral da vila, tanto estético como de limpeza, é a primeira impresión que se levan os visitantes”, aseguran os populares nesta iniciativa.

Así mesmo, os edís populares indican que este deterioro “non é algo que teña acontecido da noite á mañá, é algo continuado no tempo dende hai anos, froito da desidia e a neglixencia deste grupo de goberno. As beirarrúas e rúas están destrozadas en maior ou menor medida en toda a vila. Poucas se salvan dese deterioro. O asfalto está destrozado, tanto por baches como por reparacións e obras mal realizadas. As beirarrúas atópanse en parte con baldosas levantadas, ou rotas, e en varios tramos dentro do casco urbano están fundidas A isto engádese que o tipo de baldosa empregado nalgunhas rúas é estremadamente esvaradizo, o cal nos días de chuvia convérteo noutro perigo engadido”.

Por outra banda, o PP do Barco lembra na súa iniciativa que “temos unha porcentaxe de poboación, case un 50%, dentro dunha franxa de idade comprendida entre os 50 e máis de 100 anos. Boa parte dela ten problemas de mobilidade”. Nese senso, inciden en que o “estado actual da vila convértea nun lugar perigoso para os veciños. Todos sabemos de alguén que se caíu na rúa polo deterioro que todos sufrimos. En varias ocasións, esas caídas terminan coa vítima no hospital, con traumatismos que incluso derivan en intervencións cirúrxicas. Todo isto, ademais do gravísimo dano que ocasiona ao ferido, crea unha pésima imaxe do Barco”, din os concelleiros populares no texto da moción.

Por iso nesta moción piden ao pleno da Corporación do Barco que se acorde “a elaboración dunha memoria e avaliación do estado dos viais barquenses” e a “posta en marcha inmediata dun plan de reparación integral de rúas e beirarrúas”.

Artigos relacionados

Back to top button