CulturaCulturaÚltima hora

O Preguntoiro (Pantón), unha paisaxe de hai mil anos fosilizada

Os resultados da primeira campaña realizada neste xacemento, que terá continuidade na vindeira primavera, dábanse a coñecer á veciñanza esta semana

 

O xacemento medieval do Preguntoiro (Pombeiro), no municipio lucense de Pantón, é “un lugar de memoria”. E así o vén de acreditar a primeira campaña arqueolóxica realizada nel neste outono, buscando afondar nas orixes e significado da paisaxe da Ribeira Sacra. “Pero non só é un lugar da memoria parroquial, senón tamén da comunidade monástica de San Vicenzo de Pombeiro, que xurde no século X congregando aos eremitas que había pola zona. Este é un sitio único, aquí temos fosilizada toda a paisaxe de hai mil anos, de cando se comezou a armar todo este sistema agrario medieval de socalcos e terrazas, cun aparello ciclópeo de granito”, explica Xurxo Ayán, responsable da dirección arqueolóxica da campaña, que se desenvolvía durante tres semanas e contaba co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio e do Concello de Pantón.

A actuación era realizada por un equipo multidisciplinar composto por 10 investigadores de institucións científicas como a Universidade de Lisboa, o Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do CSIC ou a Universidade Complutense de Madrid

Os seus resultados presentábanse o 30 de novembro na Casa da Cultura de Pantón, nunha exposición que contaba coa presenza de Xurxo Ayán, de Sonia García, coordinadora da campaña; e de Andrés Currás. “Realmente a paraxe está formada por dous sitios: Preguntoiro 1 e Preguntoiro 2, separados por 200 metros. Nesta campaña fixemos sondaxes valorativas para facer unha primeira diagnose do lugar”, comenta Ayán.

Primeiro acometíase unha limpeza biótica da área, na que se contaba coa restauradora Yolanda Porto, quen se ocupou de liberar de musgo os bloques e rochas, na procura de gravados ou inscricións. E así saían á luz varias cruces inscritas, unha pía escavada cunha cruz, máis cruces á beira dos dous sartegos antropomorfos… “Isto está amosando un proceso de cristianización dun lugar que, probablemente, xa fose un espazo simbólico mesmo na Prehistoria, xa que tamén apareceron unhas cazoletas, unhas coviñas gravadas no granito, que é a típica arte rupestres que hai nesta zona de Galicia”, apunta o director da escavación.

 

 

Ademais, o equipo levaba a cabo unha revisión ca contorna, que se caracteriza pola súa difícil orografía, con pendentes dun 70%. “Resultou un labor moi interesante porque nos permitiu documentar ata 40 edificacións, arquitectura vernácula, abandonada, con hortas, palleiras, adegas… que inzan o entorno, todo o sistema agrario abandonado de aterrazamentos, ao que alí lle chaman calzadas e calexotes. Realmente é espectacular porque hai muros de contención máis grandes que as murallas dalgún castro galego. Todo un sistema monumental que se abandonou coa emigración masiva dos anos 70. E, se eliminamos a capa de vexetación que o cobre, vemos que está preparado para producir. Cando se abandonou O Preguntoiro como lugar sagrado e simbólico, estes calexotes comezar a invadir o espazo, ata o punto de que hai terrazas ao pé dos sartegos antropomorfos”, engade Xurxo Ayán.

En terceiro lugar, realizábase unha enquisa etnográfica coa veciñanza de Pombeiro, que achegou valiosa información. “Contáronnos que a última vendima que fixo alí foi nos anos 70 e tamén amosaba que este sistema agrario era polivalente porque non só había vides, alí mesmo tamén estaban as vacas pacendo, plantábase centeo, patacas, millo, etc.”.

A intervención arqueolóxica

Finalmente, a actuación arqueolóxica propiamente dita incluía ata tres sondaxes no Preguntoiro 1 que resultaban moi froitíferas. “Aí está a tradición da ermida do San Xoán Degolado. Non é unha ermida popular, senón un santuario no que se investiron moitísimos recursos, porque posúe cantería de perpiaño, mesmo hai restos de enlucido interior, nela empregouse morteiro de cal, apareceu un canzorriño, un modillón decorado e, o máis espectacular, un anaco de rosetón cun símbolo solar que parece de estilo prerrománico. É tamén un lugar de memoria e que respecta a edificación, xa que tanto os sartegos como un bloque cunha inscrición rupestre do século X fan parte da propia escenografía arquitectónica”, indica o director da intervención. No Preguntoiro 2 descubríase outra inscrición que os investigadores pensan que podería ser máis antiga, do século VII, pero que vén a confirmar que se trata dun complexo sagrado.

Entre o material arqueolóxico atopado figura, sobre todo, tellas (unhas 1.400), arredor de 500 pezas cerámicas, tres cravos (que se relacionan coa porta de entrada da capela) e elementos líticos. “O máis interesante da cerámica é que moita dela son olas do século IX e X con restos de feluxe, é dicir, non se trata de cerámica funerari, senón de cociña e que estivo exposta á combustión. Iso fálanos de que aí houbo xente vivindo”, asegura Xurxo Ayán.

 

 

Os positivos resultados desta campaña inicial fan que se proxecte xa unha nova intervención no Preguntoiro, contando novamente co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio, na vindeira primavera. “Consistirá nunha escavación en área para sacar toda a planta da ermida”, adianta o arqueólogo.

Buscando datacións nas terrazas de viñedo do Preguntoiro

Ademais o proxecto vai ter continuidade na vindeira semana porque “imos replicar o que fixemos en Vilachá de Salvadur (A Pobra do Brollón), contaremos cun equipo do CSIC que vai sondear 6 terrazas que xa seleccionamos nós no entorno do Preguntoiro. Imos buscar datacións da orixe desas estruturas, pero tamén, por primeira vez, vai haber análise de pole e para iso imos contar cun especialista, Andrés Currás. Trátase de atopar evidencias de pole de vide, que sería a poba empírica de que isto se empregou para o cultivo do viñedo probablemente xa no século X”.

Fotos: Proxecto O Preguntoiro.

Artigos relacionados

Back to top button