ConcellosO BarcoÚltima hora

O presidente da Deputación de Ourense comprométese a estudar liñas de colaboración co Casino do Barco

Luis Menor reuníase coa directiva desta entidade, cuxa sede sufría un incendio o 11 de setembro que destruía a cuberta e o terceiro andar do edificio

 

No decurso xornada de traballo intensiva que está a desenvolver neste 25 de setembro o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, en Valdeorras, nesta tarde mantiña un encontro coa directiva do Casino de O Barco, presidida por Pablo Dobao, na sede do organismo provincial nesta comarca, situada na Casa Grande de Viloira (O Barco).

A Sociedade Casino do Barco sufría na madrugada do pasado 11 de setembro un incendio na súa sede que danaba a cuberta do edificio e a súa terceira planta, tal e como lle expoñían o presidente da entidade, Pablo Dobao, que estaba acompañado nesta reunión por outros dous membros da directiva, María José Fidalgo e Diego Seco. Ademais asistía a deputada delegada especial para Valdeorras, María Carmen González.

 

 

Por este motivo, a actividade desta sociedade recreativa, con 380 socios na comarca, viuse interrompida, aínda que finalmente os danos foron menores dos que nun principio se temía. Neste senso, o presidente provincial, Luis Menor, comprométese co Casino de O Barco a artellar as axudas precisas, dentro das posibilidades da Deputación, para rehabilitar este edificio adaptándoo á normativa actual de seguridade. O presidente provincial valorou que esta institución “é un espazo emblemático para a cultura barquense cunha excelente folla de servizos”.

Debido ao labor social e cultural de primeira orda do Casino de O Barco, Luis Menor comprometeuse a continuar mantendo reunións para buscar a mellor e máis efectiva cooperación da Deputación “con este emblema dos últimos decenios da sociedade barquense, que recientemente triplicou amplamente os seus socios, ten as súas contas saneadas e un nivel de actividade notable”.

Fotos: O SIL.

Back to top button