O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, recibía esta tarde, no Pazo Provincial, aos alcaldes dos municipios de Xinzo de Limia, Avión, Maceda, Montederramo e Xunqueira de Ambía. Os encontros de traballo con Amador Díaz, Antonio Montero, Uxía Oviedo, Óscar Diéguez e José Luis Gavilanes conformaron a terceira rolda destas características que mantén o presidente provincial, co fin de coñecer a primeira man as necesidades e peticións de colaboración supramunicipal.
Así, partindo deste obxectivo, Luis Menor trasladoulles aos rexedores, como xa realizou nas anteriores ocasións, o seu firme compromiso de “manter sempre aberta a vía do diálogo e a cooperación leal da Deputación cos concellos”, lembrando que ese principio é o alicerce fundamental da institución que preside.
Estes encontros individualizados continuarán nas vindeiras semanas ata completar as conversas directas co total dos 92 municipios da provincia, combinándose tamén con visitas a todas as comarcas para testar sobre o propio territorio as vías de cooperación, presentes e futuras, con todos os concellos de Ourense.