En portada

O problema da avespiña do castiñeiro segue sen solución

A IXP Castaña de Galicia e Proagrosilga advirten de que, de non tomarse medidas, esta praga podería acabar coa colleita de castaña galega en dous anos

Imaxe dun souto de castiñeiros ourensán./ Foto: Carlos G. Hervella.

“Levamos 5 anos informando e advertindo da chegada da praga e a día de hoxe seguemos sen solución”. Así de rotundos se manifestan os presidentes da IXP Castaña de Galicia, Jesús Quintá, e de Proagrosilga, Francisco Barredo, ante o problema da avespiña do castiñeiro que amezaba aos soutos galegos.

Dende estas dúas entidades, que forman parte da “Red Estatal del Castaño”, tamén se informa de que co fin de dar resposta ás necesidades inmediatas relacionadas coa avespa do castiñeiro (Dryocosmus kuriphilus) a nivel estatal vén de convocarse unha reunión en Madrid para o día 18 de maio no Ministerio de Agricutura.

Despois de cinco anos mantendo contactos “con produtores e investigadores de distintos países afectados pola praga e visitando Francia e Italia, corrobomos con todos os axentes implicados que a única medida efectiva de control é a loita biolóxica mediante a introdución do parasitoide Torymus Sinensis (que é o inimigo natural da avespa do castiñeiro) e así llo comunicamos nestes anos ás distintas administracións competentes”, din dende o sector galego do castaño.

De aí que ante a declaración da chegada da avespa a Galicia no 2014, dende a IXP Castaña de Galicia e Proagrosilga se mantiveran “reunións con responsables do Ministerio co obxecto de que se axilizasen os trámites para a solta nesta primavera para así facer fronte a praga nos comenzos da súa expansión, posto que isto é o que recomendan os técnicos con experiencia nos países afectados, mitigando os efectos da mesma e creando un equilibrio praga/parasitoide con menor esforzo e custo”, lembran.

A pesar diso, dende o sector galego da castaña resáltase que “a día de hoxe atopámonos co atranco da negativa por parte do Ministerio (autoridade competente na materia) á solta de Torymus polo cal manifestamos a nosa preocupación ante o grave problema que se presenta e que pode chegar a diminuír a colleita ata nun 80% como ocurriu en Italia. Debemos recordar a todos os produtores que estén atentos as posibles infestaccións e no caso de aprecialas se poñan en contacto co teléfono do Servizo Provincial correspondente (apórtase folleto explicativo da Xunta de Galicia)”.

Artigos relacionados

Back to top button