OurenseÚltima hora

O profesor Antonio Rodríguez Colmenero será galardoado polo Museo da Limia

Recibirá o 24 de novembro o Premio Pedra Alta nesta instalación cultural, situada en Vilar de Santos
O arqueólogo Antonio Rodríguez Colmenero./ Foto: Carlos G. Hervella.

Recoñecer o traballo e dedicación de persoas ou entidades que poñan en valor o coñecemento do pasado, a análise da realidade actual, a creación intelectual e os elementos identitarios, así como o seu apoio ao desenvolvemento económico e social da comarca da Limia. Ese o obxectivo do Premio Pedra Alta, que vai pola súa segunda edición neste ano 2018.

Este recoñecemento, concedido polo Museo da Limia con carácter anual, será entregado na citada infraestrutura cultural o vindeiro día 24 de novembro (sábado) en Vilar de Santos nun acto académico que concluirá cun cocido de fraternidade limiá no restaurante Novaíño de Sandiás.

Nesta edición o Premio Pedra Alta foille concedido a don Antonio Rodríguez Colmenero, “co fin de recoñecer a longa traxectoria intelectual, investigadora e divulgativa do galardoado. Nesta extraordinaria tarefa de coñecemento teñen papel protagonista as terras que rega o río Limia, integrando un amplo territorio que vai desde a patria pequena do autor nas abas do monte Larouco até as irmás portuguesas, con parada moi especial no lugar de Porto Quintela. Aquí, con infatigábel teimosía, leva preto de corenta anos sacando á luz as ruínas do campamento romano de “Aquis Querquennis” e loitando por dotar de infraestruturas e dun corpus bibliográfico que divulgue este excepcional xacemento, así como a súa prolongación e complemento, a calzada romana Vía Nova entre Braga e Astorga, e as culturas que os levaron a termo. E así mesmo, pola capacidade do profesor Colmenero para nos descubrir o encontro fraterno e agarimoso entre a Vía Nova e o río Lethes no seu fluír cultural milenario”, segundo o Museo da Limia.

Este premio consiste nunha réplica do menhir situado no corazón da antiga lagoa da Antela, coñecido popularmente como Pedra Alta, creada polo escultor limiao Xosé Lois Carreira. O premiado recibirá tamén un diploma de recoñecemento, deseñado polos arquitectos Manuel Seoane e Lola Peláez. Os tres, membros do Consello Asesor do Museo da Limia, colaboran de maneira altruísta.

Artigos relacionados

Back to top button