ConcellosO BarcoÚltima hora

O programa das festas do Cristo do Barco do 2025 incluirá o horario ao que se tirarán as bombas

Así o aseguraba o acalde barquense en resposta a unha petición do concelleiro do BNG para que os donos de cans poidan sabelo e eviten saír nese momento

O concelleiro do BNG, Xavier Rocha, durante a súa intervención no pleno./ Foto: O SIL.

 

O Concello do Barco avisará con antelación do horario no que se tirarán as bombas durante a celebración das festas. Así o aseguraba o alcalde barquense, Alfredo García, ao responder a un rogo do concelleiro nacionalista Xavier Rocha, quen na sesión plenaria de outubro, facía esta petición en nome das persoas con fillos autistas e con cans. Preguntaba se se podería seguir a liña seguida polo grupo de goberno no relativo á “hora silenciosa, que está moi ben, a ver se se podería facer algo semellante coas bombas, para saber a qué hora se van botar. Eu teño animais, andas por aí co can e oe un estoupido e sae disparado. Estaría ben ter franxas horarias ou saber máis ou menos cando sería”.

O rexedor barquense respostaba que “nós estamos facendo esforzos por contentar a todo o mundo con todas as actuacións que facemos, penso que este ano funcionou relativamente o tema do ruído. No relativo ás bombas, non temos ningún problema en facer público o horario, non custa nada e a xente desa maneira se ten un can, pois non sae con el. Recollemos este tema e de cara ao programa do ano que vén, poñeremos tamén o horario das bombas”.

Artigos relacionados

Back to top button